O BNG necesita traidores

O próximo fin de semana, Riazor berrará consignas de hai catro décadas. Non, non vai volver Chousa e a súa corneta branquiazul ao estadio. Falamos do veciño Frontón, no que o Bloque Nacionalista Galego (BNG) celebrará un acto co gallo do seu nacemento, que alí tivo lugar no axitado 1982, hai xusto 40 anos. Os preparativos do evento apuntan a que se tratará dunha reivindicación das liñas que se marcaron naquela vella cita. Nalgúns espazos políticos consideran unha virtude algo que na vida real resulta un disparate: defender as mesmas ideas nun mundo que xa non ten nada que ver con aquel que as inspirou. E, así, presumen de lealdade ser decatarse de que máis ben trátase de dogma.

 

É como eses eloxios que se lle outorgan aos escritores xa cunha idade que seguen usando a máquina de escribir en vez dun cómodo e útil computador. Pois non, miren, teñen todo o dereito a facelo, pero tal primitivismo non debe ser motivo de aplauso. Estou dicindo que o BNG defende posicións anacrónicas? Non. Si afirmo que o BNG –e case todo o nacionalismo galego– quedou varado e precisa unha firme renovación do seu corpo ideolóxico e un fondo cambio do marco cultural no que se move e que difunde. Algo que non vai ocorrer agora. Na formación vívese un momento de euforia motivado polos resultados nas últimas eleccións. Pero ese éxito ten moito de ilusión, xa que nunha altísima porcentaxe débese ao carisma e capacidade da súa magnífica candidata, Ana Pontón, e non á existencia dunha base sólida de identificación maioritaria entre o electorado.

 

Porque detrás dos acertos da súa portavoz –e de algunha deputada máis– o Bloque do 40 aniversario segue nas mesmas de 1982. Non hai máis que fixarse no discurso antipático, arcaico e sectario do seu deputado en Madrid. Non hai máis que ver como segue opoñéndose ás enerxías renovables coa escusa de conservar unha especie de Galicia idílica máis inspirada en 1918 que en 2022. Porque o ruralismo e a desconfianza cultural cara as grandes cidades continúa presente a pouco que penetres dentro do seu pensamento de base. Tamén o aldraxismo, esa corrente teimuda que nega a maioría dos progresos que se produciron neste país nos últimos 40 anos, sempre achegando unha visión de Galicia demasiado afastada dos enormes avances vividos.

 

Porque aínda sendo de esquerda, o BNG mantén certo espírito conservador. A súa cultura política é difícil de encadrar no progresismo, tendo en conta a tendencia a identificar progreso con “espolio”, colaborando con esa imaxe que arrastra de forza moi válida para a oposición pero non tanto para gobernar, a pesar dalgún éxito municipal (Pontevedra, Carballo).

 

O BNG cumpre catro décadas. Parabéns. E oxalá alguén o agasalle cunha traizón, cun movemento que o poña patas arriba, rache coa lealdade a tempos e formas pasadas e sitúe aos nacionalistas na Galicia actual e na futura, a que importa.  

 

 

O BNG necesita traidores

Te puede interesar