Caraveis e liberdade

Si, toca recordo de próximo aniversario, o daquel día no que as rúas portuguesas se encheron de flores e liberdade; de caraveis vermellos e democracia. Por iso, a palabra de orde que define aquel momento é a da Revolución dos Caraveis que  foi un acontecemento histórico que tivo lugar o 25 de abril de 1974, cando un grupo de militares revelouse contra o réxime ditatorial do Estado Novo, que gobernara o país desde 1933. Un réxime xa vello convertido nun sistema autoritario e represivo, oposto á liberdade de expresión, á participación política e ao recoñecemento dos dereitos humanos. Ademais, mantiña unha guerra colonial en África, que causaba moitas baixas e descontento entre os soldados e a poboación. O Movemento das Forzas Armadas, MFA, formado por oficiais novos e progresistas, organizou o levantamento militar co apoio de sectores civís e populares.


O devandito movemento tiña como obxectivos poñer fin á ditadura, restaurar a democracia e terminar coa guerra colonial. O golpe comezou na madrugada do 25 de abril, cando os militares tomaron o control de puntos estratéxicos de Lisboa e outras cidades. O sinal para iniciar a revolución foi unha canción prohibida pola censura: “Grândola, Vila Morena”, do Zeca Afonso. Revolución pacífica e sen violencia. O pobo saíu ás rúas para apoiar aos militares e celebrar o fin do réxime. Persoas con caraveis vermellos nas súas mans, que ofrecían aos soldados e poñían nos seus fusís. Velaí o símbolo que ficou no tempo e na memoria social para sempre, a Revolución dos Caraveis.


Tempo de mudanza relevante que supuxo unha transformación profunda en Portugal. Iniciou un proceso de democratización, que culminou coa celebración de eleccións libres e a aprobación dunha nova constitución. Recoñeceuse o dereito á autodeterminación das colonias africanas, que se independizaron a partir dese momento. Garantiuse a liberdade de expresión, de asociación e de sindicación. Impulsáronse reformas económicas e sociais para mellorar as condicións de vida dos traballadores e das xentes do campo. Máis aínda, abriron o país ao mundo.


Unha revolta cívica, liderada por militares, que foi unha sublevación popular, democrática e pacífica, que cambiou a historia portuguesa recente e marcou un exemplo para outros países. Unha revolución que naceu cunha canción e floreceu cuns caraveis. Dende entón, esa data é festividade solemne e leva un nome acaído: Día da liberdade. E non é para menos. 

Caraveis e liberdade

Te puede interesar