A caricatura de Podemos

Entre 2014 e 2020, Podemos axitou a política española, e conseguiu importantes logros. Curiosamente -como xa pasara antes coa maioría do seu espazo no municipal- así como tivo a posibilidade de gobernar camiñou cara o abismo. Así ata agora, cando só queda dese partido unha caricatura mínima, medio empresa familiar, medio secta de twitter.


Podemos xa non serve. As súas cinzas intentarán molestar todo o posible, rozando a chifladura, pero só provocarán aburrimento na maioría, nin sequera os máis cafeteiros do asunto temos intención de perder o noso tempo en babecadas, que alcanzaron o seu cumio na patética e infantil despedida de Irene Montero e Ione Belarra na cerimonia institucional de cambio de carteiras de ministra. Fiquen con esa palabra: institucional, que é moi importante. 


A que naceu como formación transversal con vocación maioritaria é agora un grupúsculo de ultra-esquerda nucleado arredor da canle de youtube do seu líder real, Pablo Iglesias. O seu espazo político ocúpao o Sumar de Yolanda Díaz, que terá as súas cousas pero, polo menos, toma en serio o reto de gobernar, a única vía que pode mellorar a vida das persoas, que é do que se trata. Porque o goberno é algo moi serio. Non pode quedar en mans daqueles que se dedican á inquisición ou non asumen erros tan xigantescos como o da lei do Si é Si, onde xeraron un inmenso dor a aquelas ás que xusto deberían defender. 
Por non falar tamén da disparatada Lei Trans, anti-científica e que, ademais, en tempos de atención á saúde mental prohibe a atención psicolóxica ou psiquiátrica en menores incómodos coa súa bioloxía. Un disparate que a nova ministra de Igualdade debería eliminar. 


En todo caso, o devalo de Podemos é unha boa noticia para a esquerda. Porque, mantendo a pluralidade, parece que case toda ela aposta pola institucionalidade. Incluso en Galicia, a pesar da supervivencia dalgúns automatismos rancios, o BNG transita ese terreo, como se puido ver cos acordos alcanzados co PSOE tanto no Congreso dos Deputados como no moi relevante que vén de asinar no Concello da Coruña. 


Ese é o camiño. O dos bos gobernos. O que queda de Podemos deixou de interesarse por isto -Iglesias aburríase de vicepresidente- para centrarse nas consignas adolescentes, que sempre son máis fáciles que cadrar e aplicar orzamentos. A política como un xogo de mesa nun salón de Galapagar. Nada que aporte á sociedade. Podemos non chega a unha década de vida e xa está nas últimas. Por comparar, o PSOE ten 144 anos; o PP 47, o Bloque 41. Nada que ver coa formación morada ou coa súa réplica á dereita, Ciudadanos, tamén na UVI. Ou, indo ao local, esa Marea Atlántica que hai só cinco anos gobernaba en solitario A Coruña e que o fixo todo tan rematadamente mal que agora non conserva un só concelleiro. Nova política, dicíase. Enorme fracaso, en realidade. 

A caricatura de Podemos

Te puede interesar