Un destes días pasados a decana da Facultade de Matemáticas de Galicia, a ourensá Elena Vázquez falaba do susto ao atoparse coa conta bancaria en cero. Os falares da profesora, longos e ben falados, serviron para que a audiencia da Radio Galega reflexionara sobre o cero e a súa importancia, sobre as conclusións, opinións e divulgacións dos científicos, daqueles que saben e contan que o cero é igual á nada, que, á esquerda, non vale nada; que non resta nin suma nada e que ao multiplicar por cero, o resultado sempre é cero.
Nas notas dos escolares ou, como dicía a decana, na conta do banco, o cero é o peor. Pero, ao colocalo á dereita, un só cero multiplica por dez o valor de calquera número. Grazas ao cero, no sistema decimal, con dez díxitos diferentes pódese operar con cantidades enormes, tan grandes como se queira. Este magnífico invento vén da India. O astrónomo Brahmagupta (598-670) foi o creador das regras para sumar, restar e multiplicar con números cero e negativos, dándolles un novo significado ás matemáticas.
Se tes unha cantidade e debes outra igual, unha compensa á outra e o resultado de xuntalas, a suma desa cantidade positiva coa mesma cantidade negativa dá cero, nin tes nin debes. Un cero aquí volve a ser nada e a nada por moito que se multiplique non pasa de nada. Efectivamente, o cero é número estrela neste sistema numérico posicional, onde cada un dos números cambia de valor segundo o lugar que ocupa. En 333, cada tres ten un valor diferente ao dos outros.
As matemáticas e o sistema de contar teñen relación tamén coa política, onde para sumar son máis importantes as vontades e os afectos que os números. Onde hai quen se chama Sumar e deixa que pasen os días alentando e contando contradicións permanentes. Obviamente, os mesmos números non suman igual aquí que acolá. E teñen música distinta, a pesar das intensas relacións da música coas matemáticas e co ánimo dos votantes e dos intérpretes dos resultados electorais.
Aí está o cero dando que falar. Dende o século VII permanece como o resultado de restar un número de si mesmo. Un matemático americano, Amir Aczel (1950-2015), especializado en historia da ciencia e autor de “En busca do cero. A odisea dun matemático para desvelar a orixe dos números”, estuda os primeiros números cuneiformes babilónicos, os números gregos e romanos, para facer a seguinte pregunta: de onde veñen os números que usamos hoxe, os chamados números indo-arábigos? De onde queira que sexa, o que resulta evidente é que a invención dos números foi un dos grandes logros da intelixencia humana.
“O cero ten música”, di a Tía Manuela. Ten arte e ten capacidade para apoiar e seguir ou para obrigar a que todo empece outra vez, a que todo sexa a partir de cero ou sobre cero. E para rematar permitan que recordemos que cero, como múltiplo de dous (se dividimos cero entre dous, o resto é cero, igual que o cociente), é un número par.