Coacción á saúde laboral

Andamos polo camiño dunha inflación sen precedente ou experiencia nos últimos anos, aquí no ámbito territorial galego ou alén no espazo estatal e no internacional, que á par do aumento dos custos de produción, supón unha forte redución do nivel de renda da xente, o que acrecenta investir nun acceso ao emprego digno, para previr a proliferación de riscos psicosociais que dan orixe, así mesmo, a enfermidades mentais. Para avivar máis esta chama do queime laboral, engádese un ingrediente crave moi estendido: A masiva dixitalización de todo o que arrodea a nosa contorna vital e, en concreto, do mundo laboral. As novas tecnoloxías, automatización e sistemas de intelixencia artificial, están a transformar a natureza e organización do traballo coñecido ata a data, con clara repercusión na saúde mental das e dos traballadores. É unha crise sanitaria sen final á vista. 


Un panorama caracterizado polo aumento do control e vixilancia masiva mediante mecanismos dixitais, falta de claridade e transparencia nas relacións profesionais, illamento, unha conexión sen límite, incremento das horas traballadas ou violación dos dereitos á vida privada. Velaquí algúns factores froito da dixitalización que incrementan os riscos psicosociais no ámbito laboral e repercuten negativamente na saúde mental. Estado das cousas que precisa lexislar ou cubrir o baleiro legal existente para evitar casos de abusos e patoloxías de ansiedade, depresión ou queime laboral, protexendo á clase traballadora das malas prácticas coas que se afonda na precariedade. 


Por iso non é de recibo acceder á presión que está a exercer a Asociación de Mutuas, AMAT, demandando asumir máis competencia mediante a xestión sanitaria e integral para poder emitir altas médicas nos procesos de Incapacidade Temporal por Continxencias Comúns, controlar e dar alta polo menos en certas patoloxías frecuentes.  Anuncio que, por si propio, é unha nova ofensiva para desmantelar aínda máis o Sistema Público de Saúde, especialmente polo papel destas mutuas, colaboradoras da Seguridade Social, que son asociacións empresariais, financiadas con fondos públicos pero sempre á procura do seu propio lucro no que fica de lado a saúde das e dos traballadores en aras a mellorar os beneficios empresarias e garantir os resultados económicos. 


Permitir que as Mutuas poidan acceder libremente ás Historias Clínicas vai en contra de todos os principios que teñen que garantir a protección de datos e a privacidade da información sensible. Do contrario poñeríase en mans da empresa un instrumento de control de perversa utilidade. Impídase.
 

Coacción á saúde laboral

Te puede interesar