A Coruña, capital xermánica

A historia non se repite, pero rima. Descoñecemos quen pronunciou esta brillante frase (normalmente se lle atribúe ao escritor norteamericano Mark Twain) pero o caso é que non hai semana que non resulte necesario lembrala. En demasiadas ocasións por motivos dramáticos -como cando se fala do Rus de Kiev do século X para darlle contexto á actual e salvaxe invasión rusa de Ucraína- pero ás veces tamén por razóns felices, como a desta semana na Coruña. 
 

A iniciativa da alcaldesa Inés Rey, o Goberno español confirmou á cidade herculina como sede do cumio hispano-alemán que a principios de outubro xuntará ao presidente Pedro Sánchez e ao chanceler Olaf Scholtz. Unha cita de gran altura que confirma a recuperación do prestixio da Coruña como urbe líder de Galicia e o noroeste peninsular, pero que ademais chega inzada de rimas da Historia, case convertida nun soneto. Algo que só as cidades de longo latexar no tempo poden garantir. 
 

Volverá ser A Coruña o Faro de Europa. Non é unha novidade, temos ampla experiencia no sector. Por aquí cóntase que estivo Xulio César -e traballos arqueolóxicos municipais apuntan a confirmalo-, neste territorio fracasou Sir Francis Drake, e o noso porto e Elviña foron Dunkerque 130 anos antes de Dunkerque. A II Guerra Mundial tamén tivo a súa pegada na Coruña, como se pode observar sendo moi meticuloso no cemiterio de San Amaro. Pero non será con esa versión de Alemaña coa que atoparemos os paralelismos históricos, por fortuna. Mellor remontémonos cincocentos anos atrás. Sen movernos do noso tempo. 
 

Falemos de xeopolítica. Que buscarán os gobernos español e alemán na súa reunión na Coruña o próximo mes? Pois estabelecer unha alianza histórica entre os dous países, especialmente en cuestións enerxéticas, as fulcrais desta era. Esa colaboración non gusta nada en Francia, que perdería privilexios, e en boa medida decidirase en función de Italia, agora en período electoral. E se buscamos na historia, cando existiu antes unha unión hispano-xermánica así? Pois hai cinco séculos, no reinado de Carlos V, monarca de ambos territorios, que tivo como gran contrincante a Francia, nunha disputa que se estendeu ao antigo Milanesado, na actual Italia. Unha equivalencia incrible que se completa co dato de que Carlos V celebrou decisivas Cortes na Coruña para asentar ese concordato, e desde a nosa cidade partiu cara a súa primeira visita a Alemaña. Paralelismo abraiante.
 

Co tempo, o Habsburgo premiaría á cidade cunha Casa de Contratación e a sede da Real Audiencia, ou sexa, a capitalidade de Galicia (revertida a favor de Santiago por motivos conservadores en 1982). Porque foi hai 500 anos A Coruña o motor dunha entente hispano-xermánica decisiva para Europa, como pode selo de novo neste outubro. Certo, a historia non se repite, pero nas urbes que realmente importan, como a coruñesa, rima.

A Coruña, capital xermánica

Te puede interesar