A Coruña vai por diante

Unha das estruturas creadas polos humanos máis impactantes da Coruña é pouco coñecida. Fálolles do alxibe do Castro de Elviña, o pozo que utilizaban os nosos primeiros habitantes para abastecerse de auga potable, polo tanto, a Emalcsa da Idade Antiga. Consérvase e poden visitala. As súas dimensións fan dela unha instalación case única. Nesta cidade sempre fomos por diante.
 

Aínda que para estrutura única no mundo, xa saben, o único Faro romamo que se conserva, a Torre de Hércules, Patrimonio da Humanidade, avanzadísimo recurso de seguridade laboral, símbolo absoluto dunha cidade sempre adiantada ao seus tempos. 
 

E se nos remontamos uns oito séculos atrás imos atoparnos cunha Coruña pioneira en liberarse do poder da Igrexa e os señores feudais. E pouco despois estreamos unha Zona Franca, xa que un rei Sabio concedeulle á cidade a posibilidade de comerciar con sal sen pagar impostos. Ou sexa, que as rebaixas do IVE dos actuais plans anti-crises xa se estilaban por aquí no século XIII. 
 

Na Coruña o primeiro 8 de Marzo feminista caeu nun 19 de maio de 1589, por suposto con María Pita e outras moitas mulleres -non esquezan a Inés de Ben- á fronte da pancarta contra os machirulos de Drake, que tiveron que volver por onde viñeron. 
 

Na organización territorial tamén somos especialmente evolucionados. Foi xa en 1699 cando os mariñeiros da Coruña conseguiron documento oficial que indicaba que a partir do Seixo Branco era zona de pesca exclusiva deles, na que non poderían traballar os de Betanzos ou Ferrol. Os debates sobre a Área Metropolitana veñen de lonxe. Aquí pensamos as cousas sempre antes. 
 

No eido da ciencia e a sanidade tamén somos pioneiros. Foi do porto da Coruña de onde partiu a expedición Balmís de Isabel Zendal, trasladando a vacina da variola a México. A primeira misión humanitaria da historia. Nada menos. Na cidade que vai por diante, claro. 
 

E que me din de Dunquerque, a exitosa película de Christopher Nolan sobre unha retirada marítima do exército inglés na II Guerra Mundial ante o acoso nazi? Pois que os feitos de 1940 que aí se narran xa se viviran na Coruña 131 anos antes, posto que a batalla de Elviña foi xustamente iso, os británicos combatindo para protexer a fuxida do groso dos seus homes ante a ofensiva napoleónica. 
 

Que o mundo mire para A Coruña é unha constante histórica. As cousas pasan antes aquí. Somos cidade de primeiras veces, especialmente dentro de Galicia, onde, entre infinitos exemplos, protagonizamos a primeira folga de mulleres –as cigarreiras en 1857– ou o primeiro cine, con José Sellier (1897). 
 

Polo tanto, cando o luns e tras un gran traballo a alcaldesa Inés Rey anunciaba que A Coruña será a sede da a Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (a primeira de Europa) a cidade confirmaba a reactivación, por fin, do liderado que a define desde sempre, o de ir por diante. Iso somos.

A Coruña vai por diante

Te puede interesar