Da desmotivación política

A función principal da Política é a de ser un instrumento de transformación para a sociedade; que resolva situacións dramáticas, mellore as condicións de vida e traballo, e asente a xustiza social para todos. Se os que máis precisan da política para resolver e mellorar as súas vidas, son precisamente os que máis se alonxan dela –como indican as estatísticas– entón nada semella ter sentido. Xa non é que se renunciara a utopía coma meta e como soño, senón que xa directamente, renunciaron á esperanza. E iso socava os valores fundamentais da acción política. O desencanto é un veleno que ataca aos principios elementais das democracias. A desmotivación e o sentirse ao marxe de gobernos e institucións, leva á autoexclusión dos grupos máis débiles da sociedade. Non é doado de explicar que causa este distanciamento. Unha especie de convicción de agraviados permanentes espalla as súas redes e calan uniformemente por todos os territorios. Consideran que a política e as súas prioridades, nunca falan deles. E por máis que falemos do incremento do SMI, ou de reformas laborais, dos novos dereitos sociais ou da excepción ibérica para rebaixar o prezo da luz –todas medidas do Goberno coaligado de Pedro Sanchez que afectan a nóminas e a petos– non hai unha reactivación da confianza na política, nin tan sequera a ruptura do recorrente (e falso) todos os políticos son iguais. É certo que a linguaxe artificial e agresiva dos Parlamentos, e a substitución da presenza real pola virtual de Deputados e Senadores nas circunscricións, non axuda a espallar mensaxes de transformación. Tamén a Política precisa de pel, de emoción, de contacto e de realidade, pero non nas campañas electorais. Se a Política perde á sociedade, seguramente xa non será necesaria a Política.


Descubrirte é unha pulsión de eternidade –dixo El– unha emoción de cova...un silencio de bóveda onde fai niño a luz...

Da desmotivación política

Te puede interesar