Era un día de choiva, como moitos outros deste ano e de anos anteriores, chovía sen parar e tampouco paraba a chuvia no chan. Era un día como moitos, chovía a destempo aquí e alí, a un par de quilómetros, o sol quentaba as canelas e o carrelo da xente que pasaba. Era un sen saber de onde viña a xistra e sen saber para onde ía. As ourelas da estrada estaban brancas coa sarabia amontoada, reflectindo o que non se vía.
As árbores froiteiras choraban con bágoas de tristura, con medo a non recuperar o perdido, as flores perdidas, o froito perdido, mentres os paxaros de tódalas razas voaban sobre elas, voaban engorde, paseniño, polas alturas das cerdeiras, miraban para as flores e anotaban na súa memoria as coordenadas exactas para volver cando sexa o tempo, antes de que as cereixas maduren.
Felipe da Porteleira espera con xenreira a eses paxaros que comen cereixas e garoubas. Se puidera mataríaos a todos, pero ten medo á Garda Civil e ao cura de once parroquias, o dono de tódalas cerdeiras temperás e tardías. Felipe, para cando sexa o tempo, comprará unha cesta das exquisitas e saudables cereixas do Bierzo, convidará a un par de amigos e irán xuntos a comelas debaixo da cerdeira máis grande do lugar e, “se chove, que chova”.
Como moi ben dicía Luís Suárez, un sabio coruñés asentado en Vigo, “sempre chove para abaixo e molla”. É un gusto ver chover, cando chove miudiño como recorda cos seus versos Rosalía, igual que Felipe a recorda a ela e, con música de Amancio Prada, fártase de cereixas como aquel personaxe de Cunqueiro que morreu dunha enchenta de picotas do Jerte.
Aquí chove e do outro lado do río tamén. Ou non? Os meteorólogos estudan o clima, fan previsións perfectas, anuncian temporais de sol, calor ou frío. Os paisanos, coa man por riba dos ollos, saben se choverá ou non choverá mañá, aínda que sexa día de festa, domingo de gardar ou luns de traballar.
A sabedoría popular dixo e segue dicindo que en abril augas mil, pero neste ano, como di a Tía Manuela “todo os días parecen de inverno ou de abril”. Agora, cando veña o tempo bo, os paxaros buscarán as cerdeiras e despois de deixalas sen cereixas, irán onde a cesta de Felipe da Porteleira para compartir o festexo con el e os seus amigos.