O disparate eólico do BNG

Pasoume unha movida moi curiosa esta semana. Eu, que nunca votei outra cousa que non fosen partidos de esquerda; eu, que estou moi a favor da evolución ideolóxica pero sei que nunca acabarei na dereita; eu, que na miña traxectoria profesional dos últimos anos dinlle algún que outro disgusto ao PP, pois ese mesmo “eu” estaba bastante máis dacordo co que dicía sobre unha cuestión o presidente da Xunta co que afirmaba un partido de esquerdas que di que quere reemprazalo. Imaxinen o nivel de dislate que tiña que ser o destes últimos.


Falo dos eólicos, por suposto. Anunciou Alfonso Rueda, por fin, que creará unha empresa autonómica para que os beneficios da implantación de enerxías renovables repercutan aínda máis en ben de todos os galegos, e non se leven o mellor da cousa organismos de fóra. É algo que caía de caixón, pero que ao que a dereita levaba negándose uns quince anos, e que haberá que ver como se concreta, ante o temor de que sexa un anuncio electoralista que esquecerá tras as municipais. Pero, por unha vez a partitura soa ben. E se achega ao que leva anos dicindo unha parte da súa oposición, a socialista. Porque a nacionalista, neste tema, semella agora mesmo un incordio para o futuro do país. Así de duro.


A clave do asunto comentábao, de xeito moi natural, o portavoz do PSdeG no Parlamento galego, Luis Álvarez: “Galicia ten a súa disposición un liderado ao que non pode renunciar, os seus recursos eólicos, pero o BNG ancórase na tradición e di non a todo, como defendendo a lareira cando xa se cociña en vitrocerámica”. Así é. O Bloque ten un problema moi grande: mantén unha cultura política que non é progresista, senón primordialista, e no caso da eólica estamos a velo con enorme claridade. Negarse á instalación ordenada de renovables en terra e mar non só pon en perigo o planeta, senón tamén o crecemento económico do país, agora que moitas empresas queren investir en Galicia nese sentido, creando unha relevante carga de traballo que pode beneficiar especialmente á Coruña, As Pontes e, se se fai ben, mesmo rescatar Ferrol da súa condición de Detroit enxebre, case nada. Pero os nacionalistas prefiren a santificación relixiosa do territorio e insistir na idea (falsa) dunhas esencias primarias intocables, as mesmas que os levou no seu tempo a loitar contra… a construcción de autopistas. Disparates.


A posición do Bloque non tería maior importancia, dado que nunca sumará por si mesmo para gobernar a autonomía. Pero xusto por iso é tan preocupante. Os que desexamos un cambio político en Galicia sabemos que con estas posturas reaccionarias non hai alternativa posible á dereita, ou só será, de novo, pasaxeira. Porque a única condición para lograr, primeiro, e facer funcionar, despois, un goberno progresista distinto aos perpetuos do PP é esa, que sexa progresista. E, agora mesmo, no decisivo e fundamental tema das renovables, o BNG non o é. 

O disparate eólico do BNG

Te puede interesar