Djukic é un subcampión vasco

Non coñezo a ninguén na Coruña que acudira ao psicólogo para superar o trauma daquela Liga perdida polo Dépor malogrando un penalti no derradeiro minuto. Nin sequera temos noticia de que o fixera o protagonista da pena máxima, Miroslav Djukic. Era 1994, e iso non se levaba. Ou non se contaba, como eu mesmo sei en primeira persoa. Case trinta anos despois, non descarto que un caso idéntico se convertese nun reallity con futbolista e médico emitindo por televisión cada visita. Así son as cousas, para ben e para mal.


Aquel drama provocou un estoupido. Horroroso aquí. Pero notable por todas partes. Agás os barcelonistas e algúns celtistas, a inmensa maioría quería que o tiro do serbio entrase. Tamén en Elgoibar, localidade vasca onde se viviu o penalti de Djukic con certas contradicións. O portero que tivo o feísimo xesto de celebrar a súa parada, González, era natural desta vila. Aínda así, a súa actitude foi pouco correspondida alí. Mesmo para algún rapaz que comezaba no fútbol ese momento alimentou o grave problema que estaba por vir.


Zuhaitz Gurrutxaga era un prometedor xogador das categorías base da Real Sociedad. Debutou en Primeira co seu equipo, foi profesional do fútbol durante bastantes anos. Pero nunca alcanzou o nivel que apuntaba. Non chegou alto pero si viviu do fútbol, axudado polas mentiras. As que tivo que contar para disimular os trastornos de saúde mental que viviu durante moito tempo. Os que agora desvela nun libro escrito xunto ao xornalista Ander Izagirre (Subcampeón, Libros del KO).


Gurrutxaga padeceu importantes contrariedades por culpa da ansiedade e o Trastorno Obsesivo Compulsivo (TOC). Tardou moito en acudir a un profesional e aínda máis en compartir o que lle pasaba. Así eran as cousas. Desenvolveu un medo irracional aos contaxios, practicou delirantes ritos que agochaba como podía, chegaba a desexar derrotas por pánico a sentirse observado. No libro nárrao con moitísimo humor, como merecen as cousas tan serias. Entre elas aquela noite en Riazor de maio de 1994. O recordo do fallo de Djukic axitou o seu pavor a lanzar penaltis. Así, o trauma social da Coruña fíxose individual en Euskadi. Con efectos a maiores, como cando xogando aquí coa Erreala contra o Dépor forzou un penalti inxusto ao deixarse caer, a carón de Scaloni, por non entrar na área co pé esquerdo, algo moi complicado para o seu TOC.


Gurrutxaba ten controlados os seus problemas, curados sería moito dicir. Dedícase a tarefas artísticas e comunicativas. E a súa historia cobra aínda máis sentido agora que tanto se fala de saúde mental. Lembra a importancia de sacudir os estigmas que tanto dano lle fixeron e acudir á axuda profesional. E sobre todo ten verdade nuns tempos frívolos, no que moitos converteron esaxerar emocións simples nun feito promocional máis. Pero ese é, máis ben será, outro artigo. 

Djukic é un subcampión vasco

Te puede interesar