Do ruído

Ruído, como a chuvia, sempre foi contrarrevolucionario. Chega para facilitar o desconcerto. Derrogan as ordenacións esforzadas e acordadas entre grupos, para impor unha confusa e caótica lóxica na que sucumben os duros traballos, ante mensaxes simples que manipulan a realidade das cousas. Non hai mellor maneira de distraer a atención, que elaborar unha boa manobra que faga esquecer todo o importante que está a suceder. Son técnicas de guerra de guerrilla, que mediante o cambio do foco de atención, serven para frear a evolución positiva que, na sociedade e nos medios, ten o grupo que goberna. O obxectivo é desacreditar as súas leis e das medidas sociais e económicas que pon en marcha, mediante a utilización torticeira de escándalos e corruptelas. O ruído, nin tan sequera é harmónico. Nin está graduado ou coa tonalidade precisa para sonar cunha certa coordinación. Xustifícase en si mesmo na cantidade de algarada que é capaz de provocar. Non esquezamos o dato de que, na meirande parte das ocasións, os que montan o tingladillo, son os que están soportando investigacións e xuízos que, de tan antigos, semellara ser o conto de nunca acabar. O ruído é volátil e inestable e na súa conformación, participan materiais e recursos heteroxéneos. Pode estouparlle nas mans a calquera que pretenda beneficiarse da súa aplicación. Moitas veces o utilizan a modo dunha capa de invisibilidade, que acabe por tapar as múltiples carencias de quen o utiliza. É gañar na néboa mediática, o que non se pode gañar no debate e na confrontación dialéctica. Convencionalmente, o ruído é contrario á razón e acaba convocando a máis ruído, de diverso pelaxe, pero todo serve para atordar a realidade. Despois se transforma e desaparece. Xusto cando o exceso, acaba por superar a capacidade de absorción e de credibilidade da cidadanía.


Vivirte ten o equilibrio austero dunha torre e a emoción xenerosa dun sorriso... 

Do ruído

Te puede interesar