Do verán que chega

Son tempos de verán, que chega con mercurios altos e auga escasa. Os aromas que percibimos anuncian que a praia e os  protectores solares, dominan sobre calquera outro. Semellara que as vacacións ocuparan toda a escena, sen deixarlle oco a ningunha outra nova, pero non é así. Os acontecementos máis diversos seguen a sucederse. Seguimos con interese a crónica dunha dimisión anunciada, a de Boris Jhonson. Agardada dende as primeiras filtracións de festas xolgorio en Down Street nos tempos prohibidos. Impacta o asasinato do ex Primeiro Ministro Xaponés Abe en plena rúa. E no noso patio, tan particular, en lugar de manguitos e piscina, aplican máis madeira para tentar derrubar coma sexa ao Goberno  de Sánchez. Pero non se di gran cousa da proposta Ayuso de darlle becas aos de rendas media altas, sen vinculación a notas nin  a que asistan a centros públicos. 
 

Sorprenden os datos de valoración de Feijoo, tendo en conta a cantidade de meteduras de zoca en temas económicos e o deficiente modelo de xestión en Galicia. E impacta escoitar a algunha xente falar en tertulias e medios, difundindo mensaxes –supoño que interesadamente ou cun descoñecemento supino– que non teñen nada que ver coa realidade, nin co reparto de culpabilidades que adxudican. Hai unha estratexia deseñada para fartar aos cidadáns, na que a través de calquera medio lles chegan mensaxes negativos, senón catastróficos, que caldean o ambiente. Incluso a través das redes chegan avisos da posta en marcha de novos impostos que desmontan medidas anticrise, que son radicalmente falsos. Lembramos como Feijoo chegou ao poder en Galicia, con aquela maléfica campaña contra Touriño mentindo sobre os coches oficiais e outras lindezas polo estilo.  O verán chegou pero as malas artes, seguen a ser as de sempre. 
 

Vivir é ir recollendo camiños e  nostalxias –dixo El– gardar con gratitude a emoción conmovida de saberte, a luz inesperada e a tenrura infinita de sentirte...

Do verán que chega

Te puede interesar