Ésa pregunta do titular -é Galicia un territorio?- semella unha parvada, xa que a resposta resulta obvia: si. No entanto posúe máis sentido do que parece a simple vista. Por exemplo, para a militancia nacionalista máis tradicional -esa que agora non se ve detrás do brillo de Ana Pontón- que colle enormes enfados cando se define así o país, que para eles só é e pode ser unha cousa: Nación. Habendo máis, eu non teño ningún problema con esa defición, aínda que prefira a que recolle o Estatuto, a de “nacionalidade histórica”, mesmo lle quitaría o de “histórica”. Só unha nacionalidade, bastante inclusivo e que non mira tanto atrás, que de traer o pasado á actualidade temos abondo.
Pero, xa que estamos en campaña electoral, hai outra acepción coloquial que se utiliza moito nos partidos, o mito do territorio. Seica para gañar o máis importante é “estar no territorio”, “percorrer o territorio”, “afianzarse no territorio” e máis territorio para arriba e para abaixo. Está moi ben, pero isto afianza unha fantasía segundo a cal hai que estar en cada pequeno concello case coa mesma intensidade que nos máis grandes, apelando a un voto pantasma que, obviamente, nunca vai aparecer.
Non nos enganemos, estar no “territorio” é un produto do marco ruralista que envolve a autonomía galega, que actúa como se quen acoden ás urnas fosen os ríos e as montañas, non as persoas. E por iso hai mitin na (preciosa) Celanova pero non no barrio coruñés do Castrillón, onde vive o dobre de xente.
Por suposto hai que coidar o medio natural e as persoas que alí traballan, só faltaba. E mesmo é certo que, por desgraza, as provincias orientais están sobrerrepresentadas no Parlamento, onde sae máis barato sacar un deputado que nas atlánticas, lugar no que vivimos con moita diferencia a maioría. Por iso é nelas onde está o tema, especialmente para os que nos sentimos progresistas. Unha derivada é a clásica omisión das dúas grandes cidades (Coruña e Vigo) no autonómico. Nas dúas horas do debate electoral da TVG, só foron citadas nunha ocasión, algunha máis se entendemos que están dentro do concepto AP9. Pero nada en comparación en canto se falou do rural, de Compostela ou da Mariña de Lugo. Nas entrevistas aos candidatos, tampouco aparecen como deberan. Porque elas, a pesar de ser os motores de Galicia, non son “territorio”. Así de raro todo. Non sei que goberno sairá das urnas. Teño a miña preferencia, evidente, socialdemócrata e galeguista. Pero, en realidade, o máis importante chegará a partir do 19 de febreiro, cando comece un novo tempo para todos, nos lugares que sexa. Nese intre tocará a redacción dun relato actualizado para este país, un imaxinario que defenda a nosa identidade pero que saiba relacionala tamén coas fortalezas actuais, que teñen moito que ver coa tecnoloxía, co deseño, coas renovables, e non cos poemas tráxicos. Unha Galicia de futuro.