Chegaron xuntos. O San Fermín e a campaña electoral, a oficial, non a de andar por casa. Do San Fermín, non deixa de sorprenderme a cantidade de horas de información que lle adican os medios a esta festa. Previos ás carreiras, tertulias e entrevistas a turistas, hostaleiros, preparación dos corredores, número de feridos e tempos de duración da carreiras, almorzos despois da carreira... É necesario isto? A que obedece? Con todos os meus respectos para o Santo (e para Hemingway) considero que é un exceso inxustificado. Da campaña, non descubro nada novo se digo que non é unha campaña máis. Están en xogo moitas cousas e polos anuncios realizados polo PP, e as ameazas de Vox, tamén perigan moitos dos avances de dereitos dos últimos anos. Agardamos debate e confrontación, propostas e o recoñecemento -que xa abonda de fakes e mentiras- a unha economía que vai ben e a aclaración de que dereitos pensa eliminar a conxunción PP-Vox, para que a cidadanía non se chame a engano. Unha campaña na que Vox aposta pola desarticulación do Estado Autonómico. Feijoo, moi subidito, xa se presenta coma gañador, e fala maliciosamente de gañar “limpamente” as eleccións, no máis puro estilo trumpista. O Presidente Sánchez, a forza de pico e pala, segue recuperando espazo e apoios. Destacable a súa presenza en medios, e a gran campaña de defensa de Pedro Sánchez, e do seu goberno de coalición, que está realizando o ex Presidente Zapatero, que representa a voz de moitos milleiros de socialistas, que non teñen posibilidade de acceso a micrófonos. As palabras de Zapatero borran con sensatez, verdade e criterio, as declaracións malintencionadas dalgúns medios, e de exdirixentes que nunca souberon irse. Son tempos onde as propostas deberan ser o eixo dos debates. Tempos de compromiso e de fomentar a participación, a tolerancia e a convivencia democrática.
Sentirte é o latexo sorprendido que xustifica a vida...