A mediados e finais da década dos setenta, aquel labrego de calquera parte de Galicia araba as terras co arado romano ou, se era máis rico, co arado de ferro, con rodas ou sen elas, tirado por unha xugada de vacas marelas ou de bois pardos.
A mesma xugada, máis lixeira e máis contenta, tiraba do arado de pao con rella estreita e con regos dereitiños e longos, de esquina a esquina da leira súa.
Ao rematar a arada, cando a sombra xa se achegaba, no arredor ao calor dos tardíos raios de sol que entraban por entre as follas dos carballos, merendaban os homes, as vacas e, se era o caso, os bois e as mulleres que había.
Ruaban e escoitaban a música que mesmamente inventaran e tocaban coa aguillada sobre o xugo e as mulidas de coiro e palla ou, coa chavella, sobre as abeacas daquel arado que estaba en retroceso, en retirada.
Xuntábanse os do lugar e cando a restreba estaba toda arada, nun xeito de corrobra, facían festa rachada. Canto e cantar con música e con baile, con instrumentos de labranza, co asubío e con pandeiretas e testos das potas de cocer os cachelos e as castañas.
Eran dos nosos, como as nosas Tanxugueiras, esas tres mozas que deron vida aos recordos. Esas, ás que quixeron quitarlles mérito con argucia, con artimañas e trampulladas. Esas que tan ben cantan e que, con tantos méritos, son e serán as grandes triunfadoras, na procura de unir as tradicións co presente, coa tecnoloxía e co futuro, que tamén será delas e noso. Xa o dixo a Tía Manuela, “elas e nós somos o mesmo”.
Os fillos daqueles labregos donos dun arado e unha xugada son os que converteron a corte das vacas en laboratorio, para arar cun tractor robotizado, para coidar a facenda en condicións de liberdade e con alimentación saudable; son os que defenden nos centros de investigación e universitarios do mundo, a ciencia para o servizo das persoas, para o desenvolvemento da sociedade.
Son eles, con outros máis, con moitos máis, os que saben da necesidade e da importancia de que o rural teña conexión a través das tecnoloxías, que teña capacidade para aguantar, respirar e resistir diante dos abusos periódicos e abundantes dos involucionistas.
Eles, os novos saben cantar, bailar, desfrutar e armar chanzos para que os humildes tamén poidan subir ata o ceo da gloria. Eles saben e queren que os lexisladores lexislen e os gobernos gobernen con equidade e con respecto a todos.