Equinoccio e fuso horario

Apuramos os últimos días do verán formal, o que se fixa no calendario administrativo xa que o real aínda vai durar algo máis. Sen dúbida algunha, moito máis coas ondas de calor que marcaron estes pasados meses, mudanza evidente dos patróns climáticos. Con todo, estamos na mesma porta do equinoccio de outono, un dos instantes anuais en que o Sol está exactamente sobre o ecuador celeste, que se corresponde coas datas en que o día e a noite teñen igual duración e que coinciden respectivamente agora, en setembro, e antes co comezo da primavera. Dito en retranca galega, punto cero; nin frío nin calor. Enténdase a metáfora. Emporiso, a percepción da xente non aprecia este fenómeno do solsticio, neste caso o de inverno, en boa culpa pola distorsión óptica que supón a remuda horaria que impera no ámbito territorial da Comunidade Europea, cuestionada a porfía.


Velaí, a regulación que marca a Directiva 2000/84/CE do Parlamento Europeo e do Consello, de 19 de xaneiro de 2001, relativa ás disposición sobre a hora de verán; impoñendo a simultaneidade dos dous cambios horarios para ser executados en todo o territorio da Unión na mesma data, no último domingo de marzo, o de verán; e no derradeiro de outubro, o de inverno ou, dito doutro xeito, o remate do que viña sendo imperativo no período anterior, recuperando pois o natural precedente.


Práctica esta, de longa traxectoria secular, cos seus máis e menos de continuidade no tempo, é asunto en debate con posicións a favor e outras contrarias. No lado positivo está o incremento do uso de luz solar polas mañás que ten o efecto adverso pola tarde, ao facerse de noite antes, e daquela cos nosos hábitos provocar máis consumo nesta franxa horaria á que vimos acostumados polo feito de ver alongada a xornada do día nos meses de verán; especialmente no territorio galego que é o máis afastado deses países europeos que marcan o límite do espazo polo lado oriental. Sen dúbida, no haber negativo, están os efectos que o cambio produce na saúde humana. Con todo, en marzo de 2019, a Comisión europea instou á supresión desta práctica. Mais, por consenso.


Así, o cambio de hora seguirá vixente varios anos máis, consagrado no ámbito español pola Orde PCM/186/2022. Constatación dunha política contraria á opinión pública da cidadanía que se expresa con contundencia, no barómetro de vén de publicar o Centro de Investigacións Sociolóxicas, constatando que dúas de cada tres persoas son partidarias de rematar con cambio de hora anual. E queren que esta decisión se adopte xa. Considérase un xeito de contribuír a frear a crise climática.

 

Equinoccio e fuso horario

Te puede interesar