Os que teñen o detalle de seguir estas columnas cada semana xa o saben. Aos que caen por aquí hoxe ou moi de vez en cando cóntollo: son unha persoa de esquerdas. Non ten nada de especial, por fortuna somos milleiros, maioría por exemplo na miña cidade, A Coruña, se aos resultados das municipais nos remitimos. O que non sei se é tan habitual, pero moito me cheiro que si, é o que me pasa a min, que aínda sendo progresista cada vez aturo menos aos supostos líderes de opinión da esquerda. Escoito a Bob Pop, a Quique Peinado, a Cristina Fallarás ou a María Reimóndez e dubido se eu terei algo que ver con esa xente tan pesada, listilla e moralista. En realidade, non teño nada que ver con eles. E a maioría dos que votamos coa zurda, tampouco.
Nas redes sociais desa esquerda púxose de moda desde hai un tempo atacar moito El Hormiguero, o programa televisivo supostamente familiar que cada vez adica máis tempo á crítica política, desde unha órbita de dereitas. Pero os simplóns -moitos deles con aura intelectual- que consideran un inimigo o espazo de Pablo Motos esquecen algo moi importante. O problema da esquerda non é que El Hormiguero estea na facción contraria, o auténtico problema é que o programa dos seus que compite á mesma hora –e no mesmo grupo empresarial– é moitísimo peor. Visionar El Intermedio resulta deprimente. Unha serie de chistes de trincheira sen ningún talento que len como autómatas uns presentadores con aspiración a popes pero que quedan en chapas. Aí está a gran metáfora. Pablo Motos convoca á dereita a divertirse. Wyoming chama á esquerda a escoitar sermóns.
Agora as cousas son diametralmente opostas a como eran non hai moito tempo. Cando eu era novo, a esquerda defendía as liberdades sociais, namentres a dereita aínda as miraba con desconfianza. Agora parece xusto ao revés. Por iso, quen prende a televisión ás 21.45 presenza como a dereita é Nuria Roca falando de sexo e orgasmos namentras a esquerda é Sandra Sabatés pedindo prohibir Caperucita Roja porque é machista.
O xiro á dereita que disque está dando Europa -haberá que velo, digo eu- ten sen dúbida no elitismo de moita esquerda un dos seus principais combustibles. Na esquerda pasamos de ser o alumno molón ao repelente niño Vicente. Unha ideoloxía baseada no orgullo das clases populares semella agora un reduto de híper-universitarios falando de cousas que só entenden eles. Non hai proba máis dramática nese sentido que o que pasou co feminismo, unha demanda fundamental, transversal e igualitarista –que o segue sendo– convertida no delirio de Irenes e Pams. Hai moitísimos casos máis. De xente que non sae da súa burbulla e logo extráñase de que non a votasen. E logo, que pensabas?
A esquerda precisa simplificación e popularización. Deixar de elevar a xente que cae mal. E, de feito, xa empezou facelo. Por iso regresa o chamado “voto útil”. Sen pesados. Conten comigo.