A esquerda contra a ciencia?

Un dos moitos beneficios que concede a lectura constante e variada de periódicos é o de atopar almas xemelgas. Non me refiro a ningún tipo de dating, que creo que iso desapareceu hai tempo, senón a ese momento tan chulo no que les unha columna ou una entrevista e atopas a alguén que coincide de forma case exacta co que ti pensas, case sempre explicado moito mellor do que ti es capaz. Pasoume esta semana.


Non coñecía de nada á profesora francesa Stéphanie Roza, experta en historia do socialismo e que acaba de publicar un libro titulado: ¿La izquierda contra la Ilustración?. Pareime nunha entrevista que concedeu hai pouco e quedei abraiado ante a súa lucidez. Ela declarase de esquerdas, pero denuncia que unha boa parte da mesma sumouse a causas que “negan a ciencia e a ilustración”, que sempre foron apostas firmes no seu ideario. Ten razón. É un fenómeno que se dá menos na socialdemocracia tradicional que nas novas esquerdas (as tipo Podemos, para entendernos), pero que resulta moi visible. “Sorprendeume ler a militantes ou intelectuais de esquerdas dicir que o universalismo enmascaraba a dominación dos machos brancos europeos ou que os dereitos humanos son en realidade os dereitos dos homes brancos, ou que o progreso en xeral era nefasto para o xénero humano”. En efecto, eses ditos contrarios a marcos evidentes do progresismo son cada vez máis fáciles de detectar. É un problema. Tamén unha incomodidade para os que nos criamos neses valores e agora non entendemos o que fan “os nosos”.


Relata Stéphanie Roza con estupefacción como deputados franceses de esquerda viaxaron ás Antillas para falar mal das vacinas. Coñecemos eses disparates por aquí. En 2018, na Coruña, o goberno local da Marea defendeu o apoio do concello a unhas charlas anti-científicas contras as vacinas, ata que tivo que botarse atrás ante o clamor de cidadanía e profesionais. “No ADN da esquerda está o progreso científico e pensar que a técnica e as ciencias deben servir para mellorar a sorte de todos. Se non se actúa así, hai unha ruptura”, di Roza. Por desgraza, existe.


Hai máis exemplos. Un que tamén nos toca moi de preto é o das enerxías renovables. O combate contra o cambio climático xógase no terreo da ciencia e da tecnoloxía. En apostas, por exemplo, como a da eólica, onde Galicia pode ser potencia. Pero aquí unha parte da esquerda, concretamente a nacionalista, rexeita ese remedio, como fixo o xoves a alcaldesa de Compostela diante de ministros de toda Europa. Triste imaxe.


E o cumio destes ridículos pasou en Francia, onde houbo certa polémica porque unha “muller trans” non foi atendida por un xinecólogo. Como saben, a xinecoloxía trata o aparato reprodutor femenino, algo que é científicamente imposible que teña quen naceu bioloxicamente home. Pero nesas están algúns. Eu non creo que sexan de esquerdas. 
 

A esquerda contra a ciencia?

Te puede interesar