O estado da pobreza

Vimos de conmemorar, e non no senso de festa destinada a lembrar certo acontecemento, senón como cerimonia de lembranza dalgo que é mágoa crónica nos tempos actuais da especie humana que habita esta plante chamado Terra; unha outra ocasión deses oficiais “días de” que, para petar nas conciencias, ten acordado o mundo sensíbel coas causas xustas que se ampara nas decisións e proclamas do ámbito da Asemblea xeral das Nacións Unidas á hora nomear as carencias da xente. Neste ocasión, baixo o lema de “dignidade para todos na práctica: os compromisos que asumimos xuntos pola xustiza social, a paz e o planeta”, sitúase o tema do Día Internacional para a Erradicación da Pobreza que abrangue este ano e o seguinte.


Unha proposta que se fundamenta na consideración de que a dignidade do ser humano non só e un dereito fundamental en si mesmo, senón que constitúe a base do resto dos demais dereitos fundamentais. Por tanto, a “dignidade” non é un concepto abstracto: é inherente a todos e cada un dos individuos. Por iso, na actualidade, moitas da persoas que viven na pobreza persistente ven denegada e violada a súa dignidade.  Nun mundo caracterizado por un nivel sen precedentes de desenvolvemento económico, medios tecnolóxicos e recursos financeiros, é un escándalo moral que millóns de persoas vivan na extrema pobreza. Situación inxusta e inaceptable que non se debe á falta de ingresos. É fenómeno consecuente á desigualdade e, aínda máis, ás políticas impulsoras dun capitalismo salvaxe no que a condición humana ten un valor totalmente residual ao individualismo do lucro mercantil. As persoas que viven na pobreza experimentan moitas privacións relacionadas entre si que lles impiden exercer os seus dereitos e perpetúan a súa pobreza.


Son, entre outras, as condicións de traballo perigosas, a vivenda insegura, a falta de alimento nutritivo, o acceso desigual á xustiza, o acceso limitado á atención médica malia o formal sistema de atención universal; e, finalmente, a falta de poder político que deixa a este innumerable grupo de persoas nunha situación subordinada.


Alén de certo lavado de conciencia que representa a oficialidade destas conmemoracións, a ocasión trae rigorosos estudos que amosan a dimensión da gravidade desta inxustiza social que, para o caso noso, condensa o informe “ O estado da pobreza en Galicia”, co seguimento dos indicadores desta situación, que nos presenta a entidade non lucrativa e de acción social, EAPN-Galicia, parte do grupo da Rede Europea contra a Pobreza, poñendo foco na incidencia do aumento da exclusión e vulnerabilidade de practicamente unha cuarta parte da poboación do país. Tendencia en aumento.

O estado da pobreza

Te puede interesar