Italia, a terceira economía da Unión Europea, terá unha presidenta de ultra-dereita. A preocupación que xera o asunto non perde intensidade nin pensando que o seu nome, Giorgia Meloni, soa a cantante lixeira de roupa nunha gala de Tele5 en 1993. Ela mesma ten xogado con ideas parecidas nas súas redes sociais. Pero a cousa ten pouca graza. O que tampouco obriga a esaxerar.
Un dos principais problemas dalgunha esquerda é a súa tendencia á hipérbole. Ao vivir en perpetuo estado de oposición -mesmo cando goberna- os seus dirixentes concédenlle ao dramatismo un prestixio que non ten entre os comúns dos mortais. Iso provoca fendas e, pasado o tempo, afastamento. Un exemplo? Volvamos a Italia. Diversos sectores da esquerda que se auto-define como “auténtica” (aínda que non sexa a máis votada) levan días coa escandalera a todo trapo porque considera que a vitoria da ultra-dereita supón o regreso do fascismo, alí onde foi creado hai un século. O paralelismo parece apetitoso. Pero nin é certo nin é operativo políticamente.
Por si soa, a ideoloxía de Meloni xa dá para intranquilidade. Pero, por favor, ollo con iso de sacar o comodín á mínima. Se lle chamamos a todo fascista, ao final nada o é. E ata o máis frenético alarmista sabe que non hai perigo ningún de que en Italia se prohíban as eleccións libres ou se envíe a un campo de concentración aos líderes de esquerda. E iso é o que define ao fascismo. O que non vai pasar. Pode que haxa retrocesos nalgúns dereitos, pero entran dentro da competición democrática. En Napoli ou en Milán poderán manifestarse en contra deles, con garantías. Xa lles digo eu que con Mussolini iso non pasaba.
Pero as eleccións italianas deixan outra dato máis preocupante para a esquerda. Un que xa se viu en Francia ou Reino Unido. O trasvase. Segundo datos da empresa demoscópica Fatto Quotidiano a esquerda non chegou ao 10% dos votos entre os traballadores, que antes eran o seu forte pero onde agora gaña a extrema-dereita da Liga. De feito, o PD onde é maioritario é entre as persoas con estudos universitarios e tamén entre as rendas altas. Tremendo.
En España ese movemento aínda está lonxe, pero xa hai pequenos indicios nesa dirección, especialmente no sur. Deberían provocar un amplo proceso de reflexión entre as esquerdas. Pode ser que se volvesen elitistas? Pode. Decatouse Pedro Sánchez, que vén de pegar un xiro comunicativo co que comezou apelar constantemente ás “clases medias e traballadoras”. Podían tomar nota os seus socios de goberno, onde teiman no galimatías das identidades persoais ou na palabrería baleira sobre procesos e escoitas. E o embiguismo non gusta aos votantes.
Unha papeleta non é un contrato. Hai que gañala día a día. Hai quen o sabe na esquerda. E quen non, que logo será o que máis alto berre ante as Melonis ás que lle abriron a porta.