Voulles contar as rutinas do redactor solitario. Escribir columnas desde casa, ou libros, ou informes, é algo que adoita facer un só, e ten ritos. O meu, poñer música, pero non nos idiomas que domino, galego e castelán. Iso pode xerar interferencias, así que pincho post-rock instrumental -ese postureo- ou bandas de guitarras en inglés, que non o controlo tanto. Con todo, agora estou escribindo isto cun ruído de fondo identificable, en concreto o delirante discurso que está dando Santiago Abascal na sesión de investidura do socialista Pedro Sánchez. É mércores pola tarde.
Acaba de dicir “nefando” o líder de Vox. Buf. Queda claro que sería mellor poñer outra cousa, que así vou acabar escribindo decimonónico. Pero resisto, por profesionalidade. Agora acusa ao presidente -en funcións, supoño que elixido democraticamente cando lean isto- de ser un Hitler, porque xa se sabe que co xenocida austríaco en 1939 o habitual en Alemania era subir á tribuna para chamalo de todas. En fin. Pero o máis tremendo do que vin ata agora aí non foi, sequera, esa chifladura, senón o que pasou antes, cando Alberto Núñez Feijóo, mal asesorado, quixo corrixir unha cita de Sánchez sobre Antonio Machado e acabou metendo a gamba.
Pasou que o intento de rectificación do ex-presidente da Xunta tiña un grotesco defecto de orixe. A frase que achegou non era de Machado, senón dun poeto-cantante, Ismael Serrano. E agora, namentres se dirixe Yolanda Díaz ao estrado, é cando vou co xiro que, se cadra, non esperaban. Se ben un erro dese tamaño por parte dos asesores xa é bastante grave per se, claro, sei do que falo, unha cousa é trabucarse e outra, mimá, traer a un debate de investidura a un deses músicos seica esquerdosos que representan o insufrible, o dramita, o aburrimento, o auto-bombo, a superioridade moral, a negación da vitalidade, algo que -penso eu- é xusto o que debemos negar os que somos progresistas.
Hai moitas cousas que me fan sentir vello cando vexo algunha deriva de certa esquerdaza. Pero, en cambio, pensar en Ismael Serrano converte a este que escribe nun rapaz de 20 anos, que canta bravú entre kalimotxos, que baila coa existencia por diante, que sabe que o Dépor vai gañar títulos, isto é, na plenitude. Ou sexa, o contrario do trance híper-sensible do agonías, que tan ben define o cantante citado sen querer.
Está agora a líder de Sumar dicindo seguido “señor Feijóo”. Dálle duro e non serei eu quen lle quite a razón, como tampouco antes ao seu aliado socialista. Pero sinto tristura. Porque a pesar da súa habilidade para rachar coa imaxe da esquerda que rexeita o pracer, son consciente que ela non vai recomendar á dereita que se equivoque mellor, que non nomee a poeto-cantantes, que iso non hai quen o ature, que mata a alegría de vivir. Vaia, acaba de citar a vicepresidenta a Rosalía. Non sei se a galega ou a motomami. Pero algo é algo.