Feijóo explica Galicia

Unha vida só merece ser vivida se nalgún momento levas contigo a Gran Pregunta: “Que carallo fago aquí?”. Sexa por unha aposta laboral arriscada, por un golpe de fortuna, por unha valentía insensata ou porque baixaches a tomar un vermú e xa pasaron varios días, cuestionar a nosa propia situación é unha mostra de intelixencia e frenesí, de vitalidade. Pero non sempre se disfruta. 
 

A Gran Pregunta instalouse na cabeza de Alberto Núñez Feijóo. Gobernaba un modelo de autonomía cómodo, con constante éxito electoral, disfrutaba dunha nova vida familiar ao pé da costa coruñesa e xa se adentraba nos 60 anos, a idade que encamiña ao merecido descanso. Pero abandonou todo isto para dar o salto a Madrid, onde agora vive os seus peores días, inéditos na súa longa carreira. A dereita profunda xa lle fixo ver que el non manda tanto, que non se lle ocorra tomar decisións ás súas costas, aínda que sexan tan lóxicas como cumprir a Constitución. E a esquerda da Moncloa dálle duro unha e outra vez e empeza a impoñerse no relato. “Que carallo fago aquí?”, pensa Feijóo. 
 

Máis alá da enorme importancia política que ten a súa peripecia mesetaria, e tamén da curiosidade que esperta a súa circunstancia persoal, a incomodidade de Feijóo en Madrid brinda un cadro perfecto para explicar a política galega. A súa situación deixa en evidencia os defectos de todos, empezando polos seus. Porque ao ex-presidente da Xunta xa non lle serven algúns trucos que afianzaron o seu incontestable dominio en Galicia.
 

Obviamente, se Feijóo arrasaba nas nosas urnas era por moitas razóns, que van desde acertos de xestión a unha contorna social confortable. Pero hai dúas particularidades que en Madrid non existen e aquí predominaban. Falo do marco político-cultural e da oposición. 
 

O principal éxito do líder dos populares no Goberno galego foi despolitizar unha autonomía que, ademais, sempre tivo unha base máis tendente ao sentimental que ao material. Sen o carisma de construtor de país que emitía Fraga e sen as arelas “históricas” que verbalizaban Touriño e Quintana, Feijóo propuxo pasar máis desapercibido, centralo todo na xestión, como se fose un home sen ideoloxía, un simple alto funcionario (iso si o é). Conseguiuno. Vaian a heremoteca e busquen o número de noticias que ofrecía a política autonómica nos anos 90 ou 2000. Moitísimo máis que agora. Ou simplemente, fagan memoria: cantas veces na útima década escoitaron ou participaron nunha charla de cafetería sobre o que se fala no Parlamento galego? Ningunha? Poucas? Pois iso.
 

Pero ese proceso de baleirado político da autonomía sería imposible sen unha desafortunada axuda. A crise do Feijóo en Madrid sinálao a el, pero tamén á oposición que atopou en Galicia. Durante tres lustros non tivo rival. A súa vitoria cotizaba barata ante o desastriño que había enfronte. Todo o contrario do que lle pasa agora. Quen che mandaría ir?

Feijóo explica Galicia

Te puede interesar