Galeguista porque localista

Todos os que nos dedicamos a contar cousas preferimos uns temas a outros. Ben porque nos obsesionan, porque estamos especializados neles ou porque non sabemos máis, hai cuestións que sempre acabamos sacando, malia que poidamos parecer repetitivos. E cando a actualidade coincide co noso campo, case nos sentimos obrigados a actuar. Así que me toca falar do de sempre.


Andan eléctricas as caspas. Rezándolle aos seus respectivos apóstoles, a esencia patriótica -tanto na súa versión rexionalista como nacionalista- acumula allos e balas de prata para unha vez máis facer fronte ao seu pesadelo eterno: as grandes cidades. Especialmente a peor de todas, ese Drácula urbanita que se fai chamar A Coruña. Ela e Vigo, e en menor medida Ourense, representan o Mal, a couza, o localismo. Vade retro.


Xa o saben, A Coruña, Santiago e Ourense aspiran a ser a sede de Aesia -a Axencia Estatal de Intelixencia Artificial-, un proceso aberto polo goberno central para que non estea todo en Madrid, ou sexa, un pulo descentralizador que algún tradicionalismo galego (sexa de dereitas ou de esquerdas) quere utilizar para reforzar o centralismo compostelán. Vaia contradición.


Non é algo novo. De feito, esa tamén é a historia do auto-goberno galego nos últimos 40 anos. E o seu principal erro, sobre todo se se mira con ollos progresistas. Nel seguimos. A pesar de ser A Coruña a mellor candidata, con certa claridade, para aspirar á sede da Aesia, en San Caetano non poden disimular a incomodidade coa opción herculina. E desde a súa contorna, así como desde sectores do nacionalismo, regresan os tópicos. Seica somos horrorosos localistas, como se iso fose incompatible con ser galeguista. Pois é ao revés, oigan. Se eu son galeguista, como son, é ante todo porque nacín e vivo na Coruña. O raro sería definirse como galeguista nacendo e vivindo en Michigan. Pretender construír un país como o noso impoñendo que as grandes cidades renuncien a súa identidade non só resulta un disparate, senón que é fondamente reaccionario.


Calquera galeguista aposta pola prosperidade do seu territorio. Iso pasa por escoller as mellores opcións, como é A Coruña e a súa Cidade das TIC no caso da Aesia (non se aceptan candidaturas compartidas, por moito que digan desde o Pazo de Raxoi). Pero hai quen non comunga con esta cidade. Baseánse nunha idea malvada. Se un organismo está na Coruña, será coruñés. Se está en Ourense, será ourensán. Pero se está en Compostela, oh milagre, estará “en Galicia”. Imaxinan Euskadi sen Donosti? Andalucía sen Málaga? Non. Sería imposible e case inviable. Como Galicia sen A Coruña, a súa capital da modernidade. Pero.


Eu son galeguista grazas á Coruña (e a Fisterra). Non necesitei peregrinar a Santiago para converterme. Deixen de reducir Galicia. Aposten polo seu motor de progreso, que é o de todos. Tamén no caso da Aesia.

 

Galeguista porque localista

Te puede interesar