Xa sabemos a data. Os galegos estamos convocados ás urnas autonómicas o 18 de febreiro. Atopámonos a só mes e medio das eleccións. E boa parte do que queda son días de perfil baixo, o propio do Nadal, onde a política considérase case de mal gusto, un axente provocador capaz de esnaquizar todo ambente familiar. E, así como acaba, pois logo chega o carnaval. Durante o tempo da choqueirada votaremos. Non é casual.
Afánanse estes días algúns diarios de Madrid en explicarlle a España o curioso comportamento electoral deste punto do noroeste, no que son históricamente competidas, e en moitas ocasións favorables á esquerda, as eleccións xerais e municipais, pero que, en cambio, ofrece un dominio histórico e apabullante da dereita nas autonómicas. Do PP, concretamente, que nin antes Ciudadanos nin agora Vox sacan moito por aquí.
Trátase dun fenómeno extraordinario, que, no entanto, poucas veces se ten estudado como corresponde, talvez porque en Galicia andamos bastante xustos á hora de contar con analistas sen dependencias orgánicas ou que non sexan adictos ao topicazo. E, así, chegamos onde estamos, na mirada curta pouco disposta a entender que a diferenza entre xerais e municipais respecto ás autonómicas fundaméntase no marco cultural conservador co que naceu e se desenvolveu o noso autogoberno, que beneficia á dereita pero, incriblemente, é sostido tamén pola esquerda.
Para resumilo, podemos dicir que cando votamos para o concello ou para o goberno central facémolo en clave totalmente política, namentres que á hora de elixir o Parlamento de Compostela facémolo con certa apatía e baixo un manto sentimental. De feito, o gran éxito de Alberto Núñez Feijóo na Xunta, que agora quere reeditar Alfonso Rueda, foi o da despolitización da autonomía, estratexia que non puido imitar no volcán madrileño.
O marco conservador do autogoberno galego que sostén as constantes vitorias da dereita baséase na ruralidade e o centralismo compostelán, na esencia e o ancestral, en definitiva nunha especie de postal xacobea na que, por suposto, non aparecen as duas grandes áreas económicas da comunidade, a de Coruña/Ferrol e a de Vigo/Pontevedra. Poñer nelas o foco significaría aceptar que somos un país urbano e avanzado, con potencialidade europea, que ten unhas necesidades que esixen política. Así que se evita. Quen vai falar de innovación e investimento cando temos hórreos e vieiras? E así levamos décadas. Gaña o PP e nin nacionalistas (debido ao seu tradicionalismo) nin, por agora, socialistas fuxiron dese marco, coa excepción da etapa do coruñés Fernando González Laxe.
Por iso votaremos durante o entroido. Canto menos se fale de política e máis de filloas, mellor para Rueda. Así milleiros de votantes urbanos das esquerdas seguirán quedando na casa. Porque para decidir a escapada rural só precisan un teléfono móbil, non acudir ás urnas.