Grandes éxitos do chapapote

Cando hai vinte anos o Prestige pediu socorro, eu estaba en Milán, escribindo do partido que xogaba alí o Dépor en Champions. Isto hai que contalo porque os rapaces que hoxe teñen vinte anos talvez non saiban que tal cousa ocorreu. O do Dépor, digo. O naufraxio e a marea negra que provocou aquel buque pode que a coñezan mellor. Por fortuna, dentro de dúas décadas haberá chavalada que non se crea que o Riazor no que disfrutan de noites europeas pasou antes por un deserto na terceira categoría. En fin, xa me fun de tema. Que viña falar do Prestige. 
 

Dicíalles que en novembro de 2002 eu andaba no xornalismo deportivo. Non me tocou informar sobre a catástrofe (aínda que algo tiven que ver cun partido de apoio aos damnificados que xogou o Dépor cun combinado da Costa da Morte). A primeira vez que escribín en clave política sobre o tema foi en 2009, cunha reportaxe preguntando sobre as razóns polas que só sete anos despois daquela xigantesca mobilización contra o PP -o Nunca Máis- os populares volvían á Xunta. Aí seguen, agora incluso o presidente Rueda recoñece que o seu partido actuou fatal naqueles días, porque iso xa non lle provoca ningún problema, gobernaron fácil 16 dos últimos 20 anos. 
 

Nunca Máis foi un movemento popular e transversal, de galeguismo puro. Pero, pasados vinte anos, toca recoñecer que en términos políticos apenas deixou pouso máis alá da nostalxia, semella un one hit wonder, que é como se denomina aos músicos que só tiveron un éxito na súa longa carreira. Isto non é culpa dos que nos manifestamos, nin desas multitudes que ofreceron unha lección de dignidade, como os mariñeiros ou os voluntarios. Os anónimos poden presumir deses días. Pero a maioría dos políticos e uns cantos intelectuais de súper-esquerda que presumen, aínda hoxe, daquela rebelión cívica, non. Que foran capaces de desperdiciar ese impulso maioritario só demostra inoperancia.  Algúns vampirizaron a iniciativa en chave individual ou partidista. E a pesar de que case nada quede daquilo, vinte anos despois aínda alardean deles mesmos, malia a evidente parálise que simbolizan. Con excepcións, pero abochorna velos agora onde estaban, sen ningunha evolución nin logros pero sobrados de auto-bombo, créndose valentes pola súa cómoda loita contra gobernantes de hai varios lustros, mentres na realidade de 2022 apenas pintan nada. 
 

A pesar de todo, Nunca Máis si que gañou no material. Mentres varios dos seus apropiadores intentan propagar o disparate reaccionario de equiparar chapapote con enerxías renovables, imponse unha realidade: nunca antes en medio século Galicia pasou vinte anos sen unha catástrofe contaminante nas súas costas. A conta periódica de Pollycommander, Urquiola, Casón, Mar Exeo, Prestige, por agora parou. Dixemos Nunca Máis e así é. Acadamos melloras, gañamos. Aínda que algúns “portavoces” digan que non, o único que saben dicir.

Grandes éxitos do chapapote

Te puede interesar