O himno galego está mal

Galicia ten un himno ben bonito. Non o digo porque sexa pacífico ao contrario do ton guerreiro doutros moitos, que iso é de santurrón e ademais mentira (Breogán é un caudillo armado) senón porque ten unha musicalidade que supera á poética, e tamén por ser o noso, claro. Estreouse a principios do século XX nas dúas capitales que tiña Galicia naquela época, a exterior (A Habana) e a interior (A Coruña). Nesas dúas cidades creáronse todos os símbolos do país, en clave progresista namentres Santiago xogaba ao carlismo. 
 

Esa é a realidade. Igual que é un feito que a amplísima maioría dos galegos quérenlle ao seu himno. Adoran, por exemplo, cantalo en Riazor, Balaídos ou o Pazo dos Deportes de Lugo. Pero, claro, toda felicidade acaba asexada por corvos negros, os que nos veñen dicir agora que cantamos mal o himno, tamén. Saíu da ferruxenta sala de máquinas habitual outra tarxeta vermella a este país, teimoso en facer as cousas como considera e non como indican as sagradas escrituras que outros din custodiar. Agora resulta que algún achádego académico descobre que Eduardo Pondal (o autor dos versos de Os Pinos; a música é de Pascual Veiga) seica escribiu un par de palabras confusas e, ale, hai que cambiarlle a letra ao himno. E aí andan, a reivindicar polo país adiante corrixir algo máis que asentado e que xa pertence ao pobo todo. 
 

Son incapaces de entender que o académico é un mundo, e o popular outro. Conseguirán ou non a mudanza pero o que si teñen xa asegurado é o alimento da súa propia caricatura; a dos que se cren donos de Galicia, os que emiten antipatía e a relacionan coa galeguidade, os da negatividade constante. 
O galeguismo non é un profesor que te rifa porque fas as cousas mal. O galeguismo é a defensa dun país marabilloso, potente, o noso. Pero con campañas así conseguirán facer crer o primeiro. 
 

Non é nada novo. Levan aplicando iso mesmo coa lingua galega desde hai moitos anos. Tamén a falamos mal. Só eles son os puros, que saben dicir inexplicábel en vez de inexplicable. E o mesmo coa bandeira, que temos unha preciosa, marítima, colectiva, nacida na Coruña, algo que contra toda evidencia eles negan á vez que teiman en representala con engadido vermello para diferenciarse, para trazar a liña entre lexítimos e non. E contan cun gran apoio para esta tarefa. A desidia.  Moitas outras sensibilidades déixanlles facer, como se foran os donos da tradición galeguista, e así acabamos con inxustizas como que a memoria de Alexandre Bóveda teña eclipsado a doutras moitas vítimas do franquismo, de tanta ou maior relevancia, ou que a base de distorsións históricas todo o país recorde a revolta liberal de1846 namentres a Porlier só o lembramos na Coruña.  
 

Unha vez máis, hai que lembralo: Galicia non ten propietario de parte. O galeguismo da ilusión é o auténtico, o maioritario. Non permitan que lles digan todo o día que fan mal. Somos o Ben.

O himno galego está mal

Te puede interesar