Historias dun Mundial coruñés

Anda A Coruña revolta. Existe a opción de que Riazor -ou Balaídos- sexa sede do Mundial de fútbol de 2030. É complicado, pero sei de primeira man o duro traballo que o Concello da Coruña está desenvolvendo para que sexa nesta cidade, a mellor candidatura do noroeste peninsular dentro do estado español. E na Coruña -e Vigo- xa se xogou un campionato do mundo, no tremendo 1982. Deixen que lles conte un par de cousas que recordo daquilo. 


Primeiro, o importante. Entra dentro do xénero Mellores Momentos Descoñecidos dos Mundiais. Porque durante o partido entre Polonia e Perú no estadio coruñés fixo a súa aparición en pleno céspede… un can da rúa! Esa imaxe, agora imposible, demostra os distintos que eran os tempos. Ou non tanto, porque se da Xunta depende talvez o domingo no Dépor ‘xoguen’ xabaríns entre Lucas e Villares. En fin. 


Máis improbable aínda é o que pasou hai 41 anos cunha selección mundialista. Das tres que pasaron por Riazor, dúas -as xa citadas- disputaron antes amigables de preparación aquí contra o Deportivo. Alguén pensou que a terceira talvez non daría o nivel para iso. Pero tamén xogou na cidade un encontro antes dos do Mundial. Foi Camerún, que disputou no campo de terra de Elviña un partido contra a selección dos clubes modestos da Coruña. Estes foron arrasados, 5-1. Despois, os de N’Kono e Milla caeron eliminados sen perder. Un feito tan importante para o fútbol mundial como a competitividade africana naceu aquí, nesta cidade. Case nada. 


Lembrei este feito o pasado sábado, nunha nova edición das sensacionais veladas de boxeo que organiza Azteka Box. Combatiu, e gañou, o noso Dani Moukoko, gran símbolo ‘cameruñés’, aplaudido por case dous mil herculinos. Iso chámase integración, sinal de diversidade. Eu aínda lembro que a primeira vez que vin unhas persoas negras foi nese 1982 do que lles falo, eran hinchas de Camerún. Os tempos cambiaron, para ben.  


Por último, as miñas teimas. Hai uns días, en redes sociais, viralizouse o vídeo sobre a sede coruñesa que emitiu TVE antes do Mundial. Todo chulísimo. Pero vou cos detalles políticos. Só falaba da cidade o presidente entón da Xunta, o santiagués Gerardo Fernández Albor, que insistía moito en dicir que A Coruña tamén tiña historia a pesar da súa fachada de modernidade. Típica reacción conservadora. E, a maiores, en plena disputa pola capitalidade de Galicia, a peza abandonaba varios minutos esta urbe para promocionar Compostela. Polo que sexa -e xa saben o que é: centralismo- de Ferrol nin palabra a pesar de seren tamén un lugar ben publicitable, e queda máis cerca. 


O Mundial 1982 foi unha marabilla. A Coruña puxo da súa parte. Oxalá -sería o xusto pero non é doado- poidamos dicir o mesmo de 2030. En todo caso, xa é boa noticia que grazas ao Concello a cidade estea na poxa, con vocación internacional e á vez popular, como somos aquí.

Historias dun Mundial coruñés

Te puede interesar