A pesar do descrédito procedente do Ministerio de Igualdade, o feminismo segue sendo unha potencia política de primeiro nivel. Nin sequera os disparates da teoría queer desgastan como poderían unha idea que, por fortuna, non se corresponde cos aires sectarios e censores dalgunhas das súas supostas voceiras senón co máis igualitarista sentido común, ese que pode entender todo o mundo, e que só desde as covas altamiranas de Vox pode verse como unha ferramenta opresiva.
O feminismo común, o popular, sabe que hai que poñer todo o empeño en combatir a violencia de xénero, sabe que a fenda salarial é terriblemente inxusta, sabe distinguir unha letra de canción ou unha película da realidade e, tamén, sabe que hai demasiados teitos de cristal. Con todo, estes últimos van caendo. Hai catro anos, A Coruña viviu un deses sucesos. Neste caso non houbo imaxe do derrubo porque o teito en cuestión, o do Salón de Plenos do Pazo de María Pita, foi respectado xa que leva escrito nel o nome de catro mulleres, catro ilustres coruñesas: Emilia Pardo Bazán, Rosalía de Castro, Concepción Arenal e María Pita. Somos unha cidade especial, única. É imposible atopar outra que poida compoñer tan facilmemente unha listaxe de mulleres dese nivel (e as que faltan aí).
Contáballes que en 2019 caeu un teito de cristal. Por primeira vez en democracia, A Coruña tiña unha alcaldesa, a socialista Inés Rey. Na súa sesión de investidura viviuse unha emoción transversal, as fotografías reflicten a complicidade que, dalgún xeito, tamén vivían desde a deportividade e a sororidade mulleres doutras formacións políticas, como por exemplo Beatriz Mato, do PP. Porque, é bo lembralo, hai catro anos, as con diferenza dúas listas máis votadas nas municipais da Coruña estaban lideradas por mulleres, as antes citadas. Non pasará o mesmo o próximo 28 de maio.
É unha mágoa. Rey segue, pero é a única muller que encabeza unha candidatura, o que chama a atención, especialmente cando miras a súa suposta esquerda. Porque é significativo que as forzas que difunden con máis volume a súa condición de feministas son as únicas que en catro décadas de democracia municipal nunca presentaron unha muller á alcaldía. Nin BNG, nin as Mareas e a súas escicións, nin antes PCG, PSG ou EU, deron ese paso. De feito, hai oito anos, e agora, o Bloque tiña no Concello un perfil perfecto de concelleira para poñela nesa posición, pero non o fixo.
E na agora liliputiense Marea Atlántica seica sempre teñen que ter un macho á fronte, saia no cartel ou mande desde atrás. E cando se daba por feito que Unidos Podemos presentaría a súa concelleira, apareceu a última hora outro home, dándose aires. Pois vaia. Extraño feminismo.
Dixo Yolanda Díaz esta semana que “os homes de esquerdas son un coñazo”. En consecuencia, o lóxico sería que nestas eleccións pedise aquí o voto por Inés, que é a única muller de esquerdas que se presenta. A ver.