A Lei que naceu para corresponder ás protestas punitivistas contra a sentenza da Manada pode provocar que un dos seus membros reduza a pena. Así de grotesco. Esa é a actualidade na que levamos mergullados días. Un tema que ben se puido pechar rápido cunhas dimisións. Pero que aí segue, confirmando a condición de quinta columna do equipo do Ministerio de Igualdade, empeñado en eclipsar á baixa todos os esforzos do goberno nunha época moi complicada. Un desastre.
Con Irene Montero á fronte, Pablo Iglesias como líder de facto -extraño feminismo este- e secundarias tan irritantes como Pam Rodríguez, o pouco que queda de Podemos suma días de chifladura, convencidos de que o mundo conspira contra eles, o que sexa con tal de non recoñecer un erro gravísimo. Pero, como chegamos a esta situación? De onde procede tamaño nivel de sectarismo, soberbia, vitimismo e irresponsabilidade? Como eu son dos que cursou un triste máster a década pasada sobre este tipo de políticos, permítanme un par de comentarios.
Sexa en Galapagar ou na Coruña, a maioría dos partidos que no seu día foron novos e recibiron un gran apoio da sociedade agora son pouco máis que sectas, con grandes problemas nas urnas pero capacidade de dar a chapa en twitter, que é o importante. O proceso é coñecido: audacia para propoñer unha alternativa nun momento de crise, éxito popular, desastre no goberno nunca por culpa deles, purgas e enfrontamentos internos e, finalmente, conversión en grupúsculo verborreico. Ese esquema explica a lamentable actuación de Montero ou Pam. O evidente problema de machismo que se plasma nos teitos de cristal, a fenda salarial e a violencia contra a muller dotou ao feminismo dunha nova dimensión, que axudou ao ascenso de perfís bisoños, como o delas e outras. Iso nalgúns casos derivou en máis políticas necesarias, que -ollo- xa empezaran aplicarse a principios de século, pero noutros casos consolidou persoas e ideas ás que a relevancia do asunto quedoulles moi grande. Para disimulalo apostaron por unha turbia posición: o chantaxismo moral.
Puideron comprobalo estes días, cando ter a evidente razón non quita que todo o mundo poida ser acusado de machismo. Así é imposible ter un debate serio e democrático, moitos prefiren evitalo para non cargar coa responsabilidade de poñerse na mira da nova inquisición, que exerce nese Ministerio pero tamén moito máis abaixo. Por paralos ou por sufrilos, coñezo algúns casos nos que supostas feministas inventaban graves acusacións para vetar a unha persoa nun posto institucional ou unha participación pública. A chantaxe autoritaria. A búsqueda da morte civil de quen non lles aplauda. Un escándalo que se repite agora coa Lei Trans, da que pode saír caro discrepar, a pesar dos seus disparates sexoplanistas. Terrible.
Porque o feminismo é demasiado importante para deixalo en mans así, como as de Irene Montero.