O lavado verde

Dime do que presumes e direiche do que careces. Con esta ou similar expresión, o refraneiro popular anticipou no tempo unha das más utilizadas estratexias da publicidade mercantil actual, o lavado de cara; tamén de do ámbito político e institucional, mais iso é outra cousa que agora non vén ao caso. Os técnicos da creación de estados de opinión aprovéitanse de mecanismos sutís para provocar ese efecto de mudanza na imaxe que se procura trocar, cando menos edulcorar.


Velaí, senón, o caso da Coca-Cola, a empresa que máis lixo plástico produce no mundo, e guinda indirectamente ao medio ambiente natural contaminando ríos e mares, que será un dos patrocinadores do próximo Cume do clima, COP27, que vai celebrarse nunha localidade exipcia dentro dun mes. Un patrocinio que é indignación para o movemento ecoloxista. Non deixa de verse como se puxeramos ao un raposo a coidar da galiñas, no sentido metafórico dun instinto depredador natural que, no caso da corporación multinacional norteamericana non é por causa biolóxica senón que froito da cobiza de lucro coa que, no transcurso do tempo, mudaron a inicial botella de vidro pola máis barata de plástico, precisamente por iso: Para aforrar en custos e gañar máis no negocio.


Lembremos que, non en balde, esta empresa de bebidas leva catro anos consecutivos sendo a que máis lixo de plástico xera no planeta, segundo acredita un informe da plataforma internacional “Break free from plastic” que agrupa a miles de organización consagradas á protección do medio ambiente natural e científicas en todo o mundo. Agora, nesa operación para tentar darlle a volta á tortilla, tentan vender a mensaxe dun aparente compromiso, co apoio financeiro á COP27, para reducir plásticos nos vindeiros anos. En palabra deles, este evento “bríndanos a oportunidade de continuar actuando mutuamente cos experto, as organizacións sen ánimo de lucro, a industria e os gobernos para apoiar acción cara a un cambio sostible en toda a nosa cadea de valor”. Cinismo. Clara técnica diso que é o “lavado verde” fronte dos consumidores máis conscientes. Aceno teatral para vender os xestos verdes no canto de eliminar a fonte do problema, o envase de plástico que representa o trinta por cento da pegada de carbono. Daquela, este patrocinio é vergoñento, e tíralle credibilidade ao propio evento que pasa da boa praxe a un xeito de “esmorga multimillonaria para contaminadores corporativos”.  É a organización da ONU vendida por un prato de lentellas. Mágoa.

 

O lavado verde

Te puede interesar