A Lei Trans e a esquerda

Posiblemente, vostede non acabe de entender ben que hai detrás da chamada Lei Trans. Ou pode que si teña coñecemento e unha postura ben definida. Ou que defenda unha posición, pero máis intuitiva que informada. En todo caso, vostede ten dereito a que se debata sobra a cuestión. Cando Irene Montero afirma que mellor non facelo porque pode xerar “violencia” está defendendo un claro acto de censura, imposible de conciliar cunha visión progresista da política. Así que falemos. 
 

A Lei Trans asume principios da Teoría Queer, un dislate filosófico e elitista que confunde sexo con xénero e nega o binarismo da nosa especie. Explícome. O sexo é un feito biolóxico e inmutable, dividido en masculino e femenino (cunha minúscula porcentaxe de persoas cunha afección intersexual). O xénero é unha construcción social que adxudica estereotipos limitantes a machos e femias (por iso o feminismo sempre o considerou un obstáculo para a igualdade). Para a teoría que avala a Lei Trans, entroques, ambos conceptos forman unha unidade. Polo tanto, o queer -e toda lexislación que parta desa idea- nega a evidencia científica. E así, a aprobación da discutida lei trasladaría ao noso corpo xurídico unha fe sen base demostrable, como cando éramos Estado confesional. 
 

A Lei Trans, asemade, vén acompañada dunha palabrería imposible de identificar cos valores propios da esquerda, por exemplo cando pon os sentimentos individuais por diante das realidades colectivas ou cando despreza o traballo dos e das sanitarias. O movemento queer que a inspira chama “sexo asignado” ao que en base á ciencia nos clasifica ao nacer. Iso é como suxerir que as matronas son unha especie de bruxas que deciden o sexo dos recén nacidos lanzando unha moeda ao aire. Unha insensatez. E un insulto a un oficio necesario, admirable e, por certo, onde as mulleres son maioría.
 

Sen saír do ámbito sanitario atopamos outra contradición flagrante da esquerda que apoia a polémica Lei Trans. Xusto cando colle forza o necesario debate sobre a saúde mental, o queer defende un texto que impide a psicólogos e psiquiatras tratar, por exemplo, a un adolescente que se afirme como transexual, respaldando un dubidoso e dirixido auto-diagnóstico nunha etapa vital dominada pola inseguridade. Isto abre a porta a que nenos ou nenas comecen un proceso de mudanza física no que se amputarán membros sanos. Un disparate. 
 

O Estado debe tratar, ou sexa coidar, ás persoas –especialmente os menores– con disforia de xénero. Os adultos teñen dereito a liberdades individuais e poden facer co seu corpo e vestimenta o que desexen, claro. Ninguén pode ser discriminado por iso, como indica a lei vixente. Ese é o camiño. Sen despropósitos. Con debate.

A Lei Trans e a esquerda

Te puede interesar