Mártires agardando xustiza

Mártir é, na súa definición académica, toda persoa que padece persecución ou morte pola súa fidelidade a unha causa. É quen foi fiel a unha causa xusta, contraria ao interese dos poderosos, e rematou como vítima dunha morte inxusta ou dun suplicio inmerecido por persecución. A xénese da súa figura asociase ás xentes que sufriron tormento na evanxelización cristiá e, dese xeito, venerábanse coma santos; e todo o que se relacionaba con eles era obxecto de culto na institución católica.


Velaí a icona que se escolleu para honrar ás vítimas da represión franquista, maxistralmente sinaladas por Castelao no texto da súa Alba de Gloria: “Nos moitos cemiterios de Galiza, repousan os derradeiros mártires da liberdade, en número incontable. A miña imaxinación veu unha fogueira en cada cemiterio, como outros tantos clamores de xustiza. Mais no de Pontevedra veu unha labarada que chegaba ata o ceo. Era o espírito de Bóveda que non figura na Santa Compaña dos inmortais, porque non pertence á Historia senón á Tradición en arume de lenda. Bóveda terá que ser nun mañá, próximo ou máis adiante, a bandeira da nosa redención”.


Velaí, un ano máis acudiremos á cita na lembranza dos mártires cívicos da causa democrática e nacionalista que convida honrar á súa figura senlleira, Alexandre Bóveda, e con el a todas as demais mulleres e homes que padeceron persecución, aldraxe ou morte por defender a nobre causa dos valores da liberdade, da igualdade e da fraternidade que caracterizaron ao réxime político nacido da vontade popular fronte ao que se sublevou o golpe militar de Franco e do resto das tropas fascistas. Como cada 17 de agosto, na paraxe de A Caeira, en Poio, lugar no que as balas do pelotón de fusilamento arrincaron a súa vida; no cemiterio de San Amaro, ao pé do sartego onde repousan os seus restos mortais e na mesma cidade de Pontevedra, enaltecerase o seu legado de traballo, entusiasmo militante e compromiso insubornábel coa causa nacional galega. Extensivo.


Así e todo, ese agradecemento popular, en favor das vítimas da represión franquista, non vai parello ás políticas institucionais recollidas na lexislación de Memoria Democrática; e, moito menos, na iniciativa de xulgar ou esclarecer os feitos criminais ocorridos nese longo tempo represivo.


É imprescindíbel establecer os principios de verdade, xustiza e reparación respecto aos crimes e rematar de vez coa impunidade da Ditadura franquista e da Transición. Pasar das flores aos feitos

 

Mártires agardando xustiza

Te puede interesar