O peor Mundial acabou sendo o mellor. Poucas veces un despropósito tan xigantesco -levar a Copa do Mundo a Qatar- deparou tan bo fútbol. E tantas emocións. O terrible réxime anfitrión logrou o que quería, a pesar de que tamén coñecimos as súas miserias cun volume atronador, como corresponde. E no céspede, a marabilla. Os cinco continentes superando a primeira rolda, por fin África en semifinais, e o mellor campión posible.
Na Coruña e en boa parte de Galicia, a simpatía estaba clara: Arxentina. Tres factores explican ese enorme apoio. O primeiro, que viven entre nós milleiros de arxentinos, así como os galegos alí fomos millóns, e seguimos tendo enorme presenza. De feito, se non fose pola tradición triste que converteu a emigración galega nun relato dramático -en vez de amosalo como a nosa maior epopea como pobo- o mundo enteiro sabería que nós somos eles e viceversa, igual que non hai que contarlle a un irlandés a orixe dos Celtics de Boston.
O segundo factor ten toque local. O adestrador do equipo albiceleste ten unha casa en Riazor. Literalmente. Lionel Scaloni ama o Dépor, foi ídolo aquí, onde gañou os seus únicos títulos como futbolista, e mesmo se presenta nas redes sociais cunha imaxe da afección branquiazul. Poucos minutos despois de alcanzar o cumio en Doha se lle escoitou falar de volver a Coruña. Un dos nosos. Como non íamos ir coa súa selección.
No terceiro factor coincidimos coa maioría do planeta, agás eses raros dos franceses. Messi merecía a Copa. Fixo un Mundial antolóxico e, con 35 anos, acadou o que parecía que se lle escapaba das mans para sempre. Sería unha enorme inxustiza que ficara sen premio tamaña historia de talento e persistencia. Respiramos aliviados.
Con todo, hai lugares aos que nin Messi pode chegar. O seu relato é apaixoante, pero -por moito que se diga estes días- non é A Historia Máis Grande Xamais Contada. O Olimpo do fútbol, entendido este en todas as súas múltiples dimensións, segue sendo posesión exclusiva dunha figura tan grande que ninguén se atreveu, ou puido, emulalo estando el vivo. Tivo que morrer para ser sucedido, como os reis. Falo, por suposto, de Diego Armando Maradona.
D10s segue sendo el. Podemos aceptar algo de comprobación imposible, que Messi é mellor xogador. Vale, tanto ten. Porque é no vivencial onde Maradona nos ofrece a insuperable novela de todos os tempos. A dun rapaz que naceu nunha chabola, alcanzou a gloria convertido en Deus polos seus discípulos, non foi capaz de aturar tanto peso e caeu na auto-destrucción, tomou todos os malos camiños posibles, pero tamén elixiu moitas batallas correctas, marchou como nun sacrificio esixido polo guión. Todos os conflitos e sensacións humanas resúmense con el, que, ademais, xogaba ao fútbol como ninguén.
Por fin Messi ten o Mundial, que tamén é un pouco noso, e todo de Scaloni, o mesmo rapaz que un día lle puxo a camiseta do Dépor ao dono en exclusiva do ceo futbolístico: Diego.