Medio Ambiente, ciencia enteira

O Día Mundial do Medio Ambiente, o pasado mércores, tivo unha conmemoración especial na Coruña, en plan concreto, o mellor. Entre actos simbólicos, iluminacións que se apagan, ou acenden con determinada cor, e sen listos agredindo obras artísticas, a miña cidade festexou unha traxectoria fructífera, a do Aquarium Finisterrae. A terceira xoia dos museos científicos municipais, ao pé da Torre de Hércules, celebrou os seus exactos 25 anos de existencia cun acto emotivo e interxeracional, no que alcaldesa Inés Rey lembrou os seis millóns e medio de visitantes que tivo a instalación nun cuarto de século, cifra impresionante.  


Iso é concienciar e divulgar coñecemento. Iso é crear compromiso ambiental e, á vez, contra o cambio climático, un problema real. Ollo ao dito antes, falamos dun museo científico, porque aquí a palabra é esa, “ciencia”. Podemos engadirlle “tecnoloxía”. Nelas reside, máis que noutras cousas e sempre a pachas coa mentalización, o futuro. Por desgraza, ese mesmo Día Mundial do Medio Ambiente foi aproveitado por organizacións pseudoecoloxistas galegas para atacar a instalación das imprescindibles renovables. O atrasismo como falsa solución. Pero non. 


Se hai un ecosistema planetario que mellorar, que é indubidable que o hai (nin caso a negacionistas), a súa solución non pasa por medidas regresivas de volta ao século XIX, a vivir sen electricidade, sen case hixiene e todos dedicados ao autoabastecemento ruralista. Iso é un pesadelo, típica fantasía de adultos de longa adolescencia; de jipis que sempre terán en casa un pai rico que ampare as súas parvadas cando lles vaia mal o proxecto de ecoaldea ou a maldita secta na que se meteron. Delirios. 


En realidade, o antídoto ao cambio climático só chegará mediante a ciencia e a tecnoloxía, insistimos. Un plantexamento cen por cen de progreso, aínda que moitos dos que así se definen sexan o contrario, uns carlistas do presente. Poño un exemplo, sen entrar en materias que poidan rachar a neutralidade partidista que esixe esta xornada de reflexión. Vou. 


Sempre atoparán por redes a apocalípticos que se opoñen aos desenvolvementos eólicos porque seica as aspas matan paxaros. Que nalgún caso ocorre, certo, normalmente por pouco tempo. Non se trata dun problema insuperable, aínda que o presenten cunha gravidade excepcional. Pero só con ese argumento deciden que debemos rexeitar a industria renovable, onde Galicia ten unha potencialidade enorme, que crea riqueza. O que non contan nunca estes desinformantes é que xa existen fórmulas tecnolóxicas que evitan ese problema. O mundo progresa. Pero seica iso non lles interesa aos da túnica branca e báculo. Os chapas. 


Os avances científicos teñen inimigos. Que prefiren leira a planeta. Moralistas inzados de fakes magufos. Reaccionarios. Xusto o contrario do que precisa a Terra, tamén aquí, onde se chama Galicia. 
 

Medio Ambiente, ciencia enteira

Te puede interesar