Moitos dos lectores lembran como era aquelo de chamar por teléfono aos parentes de Madrid ou de Barcelona, ao noivo de Lleida ou de Cádiz, ao veciño emigrante en Suíza ou en calquera lugar industrial de Alemaña. Moitos aínda se acordan hoxe daquel teléfono parroquial que servía a todos os do lugar dende unha centraliña de enchufes. Aquelas mulleres que atendían as centraliñas telefónicas dende finais dos século XIX non serían quen de entender o de hoxe, a maioría das persoas do mundo, rico ou pobre, vai co seu teléfono no peto.
Consuelo, aquela aldeá que foi de ama de cría a Madrid, a Sevilla e de Sevilla a Barcelona, rematou a súa vida laboral como telefonista na centraliña dun grande edificio con vivendas á dereita e á esquerda, ao fondo, arriba e abaixo. Estaba aburrida do teléfono e de tanto falar, de tanto pasar, de contestar e de agardar que todo aquilo rematara. Ao ver, nos últimos anos da súa vida, que cada persoa leva no peto o seu propio teléfono sen interferencias, pensa na evolución e revolución da tecnoloxía e na súa importancia.
Os estudos estatísticos din que na actualidade máis do 63% da poboación total do mundo fai uso de internet e o 92% destas persoas conéctanse a través do teléfono móbil, dese aparello que serve para todo e que resulta imprescindible para a vida normal. Quen o diría! Pero aí está, transformou a conducta e a forma de facer e de comunicarse de milleiros de persoas. Para o ano 2025, ao parecer, o número de dispositivos móbiles no mundo superará os dezaoito mil millóns.
Todo será por teléfono. Os cregos rezarán os responsos e os fregueses escoitarán os rezos co seu teléfono en posición de mans libres; as compras, igual que hoxe, faranse por teléfono e os contratos, tódolos contratos serán de palabra falada por teléfono. Para xestionar as visitas, os horarios, as contas bancarias, os cambios meteorolóxicos ou de calquera programa é necesario un bo teléfono, unha ferramenta imprescindible para acudir ás citas médicas, para comprar os billetes de tren ou do avión e para saber cando cambia a lúa, a onde se vai xantar mañá e por onde.
Os peregrinos, que por certo chega a Santiago de Compostela por moreas, van co teléfono móbil na mochila e andan guiados por el. A través deste aparello electrónico e supostamente intelixente (tanto ou máis que algúns dos portadores) buscan o lugar para durmir, os espazos e lugares de visita obrigada, as características dos ríos, montes e paisaxes que atravesan. Coas aplicacións do teléfono falan coa familia, contan o que comen e os amoríos que atopan, se é o caso. Todos saben que hai perversión, falta de interacción e lavado de cerebro(s), manipulación e medo.
Tamén hai quen se resiste ao seu uso e quere ignorar o significado de xigabyte, pero -como di a Tía Manuela- “mellor é que soe e escoitalo, falar e que se entenda”.