Os ministros columnistas de Sumar

Eu totalmente a favor do novo goberno central de coalición. A ful. Pero como a vida non me chamou polos camiños do silencio, teño a manía de criticar algunha cousa que non me gusta, tamén dos meus, ou dos meus que están a carón dos que creo un pouco máis meus. Xa me estou liando. 


O caso é que este xoves atopei un artigo en prensa do novo ministro de Asuntos Sociais, Pablo Bustinduy. Politólogo e un montón de cousas máis, todas moi brillantes. De Sumar. E dixen eu, pois haberá que mirar que puxo, que seguro que nos relata unha folla de ruta sobre o que pensa facer co gorentoso orzamento que terá no seu ministerio. Pero non, resultou que Bustinduy non falaba nada diso. Nin de lonxe. A súa columna versaba sobre Palestina, con bastante acerto. Pero, señor ministro, vostede xa non é un opinador. E moito menos leva a carteira de Exteriores. Agora ten na man centos de millóns dos presupostos públicos para actuar, onde lle dixeron. Seica non o toma en serio. Porque, polo algo que eu sei, se unha concellería de Mercados nunha cidade mediana xa provoca falta de tempo aos seus responsables, pois non vexo a graza de que vostede, con moito máis ámbito onde incidir, aínda pense que o seu lugar no mundo neste momento é ditar posición á militancia ou o carallo que sexa iso das esquerdazas rotas. En vez de xestionar. 


Chámase responsabilidade, ministro. Por lúcido que sexa, o seu labor nestes finais de 2023, e moito por diante, é mellorar a vida de xente mediante a súa firma no BOE. Aí onde pode. Xa non está nunha palestra universitaria na que quedar como o máis listo. Agora, ten que favorecer aos que non son como vostede. A todos. E todas. 


Por desgraza, esta tendencia a sentirse opinadores en vez de gobernantes resulta algo habitual nesa esquerda alternativa de facultade que, en parte, nos tocou sufrir na última década. Algunha, por fortuna, xa quedou para caricatura con canle de youtube. Por iso tanta xente regresa ao progresismo tradicional, máis fiable. E que, demostrado está, goberna mellor. 


Oxalá fose só Bustinduy. Pero outro de Sumar, Ernest Urtasun ministro de Cultura, tamén fai o mesmo. Escribiu en twitter contra o veto municipal imposto pola censura de ultradereita a un festival en nonseionde. E, en vez de facer o que corresponde, ou sexa subir a axuda ministerial que el pode asinar para que se siga facendo, preferiu iso, unha protesta en redes. Son máis community managers que gobernantes. É irrespetuoso coa sociedade que aí os puxo. 


Para este que lles escribe, por desgraza, non é algo novo. Fun dos asumiu hai anos que manexar orzamento público liquida todo postureo. Estiven, facendo do que sei, un tempiño relevante nun goberno con xente que non o entendía así, todos do mesmo espazo que estes ministros. Sacaban slogans pero nada concreto, sinónimo da súa incapacidade. Os políticos infantís. Fuxan deles. 


Eu agora moito mellor.

Os ministros columnistas de Sumar

Te puede interesar