Murguía contra Coruña?

Este xoves, 2 de febreiro, cúmprese un século desde que un dos pais do galeguismo, Manuel Murguía, faleceu na Coruña. O seu enterro en San Amaro foi demostración de cariño cidadá, unha especie de réplica do que, quince anos antes, significara o de Curros Enríquez. Daquela, só desde posicións moi conservadoras ou carlistas se rexeitaba a idea de que A Coruña era a capital de Galicia. O propio Murguía participou da inmensa mobilización do país en defensa da sede da Capitanía na cidade cando se anunciou o seu traslado a León, logo revertido.


Manuel Murguía foi o primeiro presidente da Real Academia Galega, cuxos estatutos foron aprobados en 1906, o ano máxico coruñés, cando tamén naceron o Dépor e a Estrella. A sede da RAG estivo na Casa do Consulado, despois no Pazo de María Pita, ata que en 1978 se ubicou na rúa Tabernas, na antiga casa de Emilia Pardo Bazán. Para que marchar da Coruña? Como lle dixo a Murguía a súa parella -nada menos que Rosalía de Castro- nunha carta de 1861: “A Coruña fermosísima (…) Estaba por quedarme xa nela (…) Santiago non é cidade, é un sepulcro”. Dez anos despois cumpriríase ese desexo, e vivirían unha tempada aquí. E logo el en solitario.


A íntima relación de Murguía coa Coruña non ten dúbida. A súa condición de precursor, tampouco. Figura histórica, á que se lle dedicou unha avenida, a paralela ao estadio de Riazor, outro símbolo da cidade e de Galicia. Da mellor Galicia, en concreto. A que tiña a esta urbe como capital. Por iso, cando se construíu o Ensanche, no paso do século XIX ao XX, A Coruña decidiu bautizar as súas rúas cos nomes das outras cidades do país. Se pasean por alí, poden velo. Apenas en 200 metros: Praza de Pontevedra, Ourense, Lugo, Vigo, e rúas para Ferrol e Compostela. No centro, a Praza de Galicia, onde o Tribunal Superior. Bo gusto. Non como o dislate do Gaiás.


Esa era A Coruña de Murguía. Pero non o entende así a actual RAG, que decidiu que para celebrar o seu Centenario cómpre provocar a esta cidade. Considerou que era importante programar, xusto o 2 de febreiro, unha charla na Coruña para soster que a bandeira de Galicia inventouna Murguía e non ten nada que ver coa da Capitanía Marítima da Coruña, a pesar dos indicios que así o apuntan e que están rexistrados mesmo pola Xunta. Seica foi unha coincidencia fabulosa, serendípica. El deseñouna xusto á vez que se usaba esta e se despregaba no Centro Galego da Habana, e logo ninguén se decatou da cuestión durante dúas décadas.


Que a RAG faga iso é como se o Celta me chama a min para celebrar o seu Centenario cunha conferencia en Balaídos para dicirlles que vaia desastre e que se fagan do Dépor. Pero a obsesión dos galeguismos máis casposos por apartar á Coruña da centralidade que ten neste país éche así. Unha pulsión reaccionaria como outra calquera. Prefiren unha Galicia ancestral á vangardista que esta cidade representa. Que mágoa.

 

Murguía contra Coruña?

Te puede interesar