Existen tres formas de reacción ao titular que leron aí enriba. A primeira é a coñocedora, a dunha persoa que se move en redes sociais, concretamente en Twitter -aquí negámonos a chamarlle X, como fixemos o mesmo cando o Fabril era Deportivo B- e sabe do viral do que imos falar. Outra é a do perceptivo, que non visita eses foros de lama e coñecemento pero considera que a afirmación está ben lanzada e chegou aquí con interese. A terceira é simplemente a de quen está farto desta persoa que lles escribe -e das súas columnas- e se alcanzou esta liña foi grazas á atracción polo grotesco. Sexan todos benvidos, intentaremos non decepcionar ningunha das tres posturas.
A cuestión, como lles avanzaba, é que en redes sociais tivo bastante éxito certo chío e algunha conta que poñía en gran valor a forma de vestir dos coruñeses e, moi en especial, as coruñesas. Provocou esta admiración gran respaldo, xa que non hai dúbida de que estamos ante un feito contrastable que non debería xerar ningún tipo de receo. Poucas reaccións contrarias houbo, e a verificación de que varias delas xurdiron de Compostela tampouco axudou á súa credibilidade, se me permiten a brincadeira. É así, na Coruña vístese ben.
Pensei en incluírme no titular: “Na Coruña vestimos ben”. Pero ata o meu amplo nivel de farsa ten un límite. Non, a pesar do incuestionable coruñesismo que me caracteriza, non fun chamado por esa vía. Eu, agás certos momentos solemnes, non saio da tríada básica de “playeros, vaqueros y camiseta”. Pero adoro que a miña amada cidade sexa como é, un referente tamén no de vestir, que non aplico a min mesmo pero do que entendo máis do que o aspecto propio suxire.
O caso é que non estamos falando doutra anécdota frívola na era dos influencers, para nada. O feito da Coruña elegante procede dun carácter de urbe con decenas de anos de historia. Chámase vangardismo. Lustros antes de que Rosalía -a cantante- mesturase chándal con tecidos clásicos, Arsenio Iglesias xa o facía con total éxito de crítica e público. Ser unha cidade modernista creou esa tendencia, que non está limitada ao centro de máis ou menos postureo; fliparán se se fixan nos barrios, mesmo entre os que manteñen ese básico que eu utilizo atoparán camisetas marabillosas que non sei de onde veñen, ou si, dun estilo, o da Coruña.
Cidade de Moda, cidade creativa, cidade aberta, cidade popular, cidade tolerante. Todas esas características conforman a calidade do garbo herculino, que -obviamente- tamén ten que ver coa eficiencia empresarial dun xigante como Inditex, interiorizada e que, ademais, agora ten vento a favor. Cando á mínima percibimos a alguén moi ben vestido riba dunha eléctrica da municipal BiciCoruña é fácil pensar: “Mimá, isto é unha capital da Europa avanzada”. Somos, en efecto.
Pero se queren ver á Coruña que viste xenial, este domingo é o momento. Con toda ela de branquiazul.