A negra sombra do petróleo

Sarcasmo é substantivo masculino que nos fala da ironía amarga e cruel con que se insulta ou pon en ridículo a alguén ou algo; persoa individual ou ao conxunto colectivo da sociedade. Outro substantivo, neste caso feminino, trata da acción, xesto ou palabras con que se ridiculiza unha persoa ou cousa; é a burla. Ámbolos dous, acaídos, a un par de fenómenos que se conxugan no presente; e dicir, na información e na lembranza de acontecementos transcendentes para o medio ambiente natural e a súa extensión na emerxencia climática que vive o planeta: Un deles, alá na terras do Oriente afastado; o outro, aquí neste país que recorda a catástrofe ambiental do Prestige.
 

Nos dous casos imponse o lucro e interese mercantil do negocio do petróleo e os seus derivados; que para o caso galego nomeamos chapapote á vista desa substancia viscosa coa que se asfaltan estrada e outros espazos; e dicir, a parte aínda máis ruín dos subprodutos dos combustíbeis fósiles que tanto están a contribuír na deriva do quentamento global que está a levar ao límite de resistencia os patróns que mantiveron en equilibrio a habitabilidade das civilizacións neste planeta Terra.
 

Daquela, é incomprensíbel que no marco desa fachendosa e artificial cimeira climática que coñecemos por COP27, a presenza dos representantes do grupo de presión e interese dos negocios derivados dos combustible fósiles – gas, petróleo e carbón- teña máis representantes que a dos dez países máis vulnerábeis á crise climática ou, por exemplo, de todos os países africanos. Todo iso, ademais, nun contexto no que a presidencia do Cumio do Clima, en mans de Exipto, practicamente impide na práctica a manifestación da sociedade civil ou a presenza de representante das comunidade indíxenas. Para rematar este aspecto de burla á confianza nas decisións deste foro internacional, pode verse que a casuística de delegacións estatais que integran nas súas comitivas a persoas vinculadas á industria petroleira e do gas. O caso máis rechamante é o dos Emiratos Árabes Unidos que, nun paradoxo aldraxante, acollerá a seguinte Cume do Clima en 2023. Dos máis de mil representantes que moveu ao evento, preto de cen son dos sector fósil. 
 

Con ese pano de fondo, a lembranza ao aniversario dos vinte anos que levan transcorrido após a catástrofe ambiental, económica e social do vertido de chapapote debe ser unha chamada de atención á posibilidade futura de repetición sabendo que polo corredor atlántico, fronte á costa galega, unha cuarta parte dos buques continúan a transportar mercadorías perigosas nunhas condicións non moi diferentes ás do vertido que mobilizou a dignidade dun pobo no Nunca Máis.

A negra sombra do petróleo

Te puede interesar