Non quería falar de Rubiales

Era venres. Onte. Tiña día de agosto, libre, así que baixei dar un paseo polo ídem marítimo, na Coruña, claro. Aproveitei para pensar en que quería contarlles eu nesta columna sabatina. 45 minutos despois parei tomar unha caña. Coa decisión tomada. Daban xusto as 12.00 do mediodía e prendín a radio para escoitar a anunciada dimisión de Luis Rubiales. Non foi tal. Quedei abraiado do que dicía este home. Non quería falar del nesta páxina. Pero.


Non quería falar de Rubiales porque xa había moita xente facéndoo e pouco podía eu achegar. Non tiña pensado facelo, tamén, porque dentro da forte crítica ao presidente federativo engadiría algún matiz, e vivimos moi malos tempos para os matices, moito mellores para as antorchas. Ademais, decidira que quería falar dun dos meus temas clásicos, A Coruña popular, que nos últimos días viviu unha gran reivindicación mediante o concerto colectivo de Xabier Díaz e a homenaxe musical ao meu amigo Mangüi en María Pita, ou coa revitalización das festas de barrio, todo co debido pulo municipal, por fin. Nesas estaba cando Rubiales botou a lingua a pacer. Cambio de plan.


Pois haberá que falar do presidente da Real Federación Española de Fútbol, unha entidade asociativa privada de carácter público, que ten a exclusividade da representación do Estado nas competicións dese deporte. Polo tanto, debe estar sometida á exemplaridade á que este feito compromete. Con todo, hai moito tempo que Rubiales demostrou ser bastante gañán para o cargo, ao que había que sumarlle desgradables cuestións como o compadreo con algunhas estrelas no céspede e empresarios de mala praxe fóra, ou as cesións a países de contrastado desprezo polos dereitos humanos.


Rubiales tamén é o claro exemplo das burbullas nas que viven moitos millonarios, nas que ser un pailaroco, con graves tendencias machistas, considérase algo sen importancia ante o poder do diñeiro. Hai moito disto. É boa noticia que de cando en vez este tipo de personaxe atope a resposta que merece desde o sentido común maioritario, e que neste o peso das mulleres sexa decisivo.


Para alén de que eu crea, como algunha brillante feminista, que non todas as babosadas son grave delito -o día que perdamos o sentido da proporcionalidade estaremos caendo nun pesadelo de sociedade- e que, como persoa progresista, rexeite a imposición de autos de fe -o dereito a non participar dunha protesta non sempre significa que se estea en contra dos seus plantexamentos- a realidade indica que o de Rubiales é insostible. Alcanzou este venres pola mañá niveis de noxo relevantes. E antes tampouco fora grande cousa.


Eu quería falarlles doutras cuestións, máis cercanas a nós. Pero acabei en Rubiales. Seguín a axenda de moda, algo que non teño claro que estea ben por sistema.


Pero foi o que pasou desta. Porque unhas mulleres gañaron un Mundial, algo que a demasiados se lles olvidou. 

Non quería falar de Rubiales

Te puede interesar