Ourense tamén deixa Galicia

Pode ser que esteamos ás portas do hat-trick. Do terceiro tanto na portería da autonomía galega, que por fortuna ten partido de volta. O de ida, de algo máis de corenta anos, ten moitas luces, pero tamén goles en contra que sempre veñen do mesmo sitio, sendo, polo tanto, evitables. Falo das cidades. 


O motor de Galicia reside en dúas grandes áreas urbanas. Vigo-Pontevedra e Coruña-Ferrol. Olívica e herculina son as dúas cidades máis potentes. Por moitas cousas, como por habitantes. A terceira con máis poboación é Ourense. Ningunha delas é a mimada capital administrativa (e “espiritual” disque) desta Nacionalidade Histórica. E que teñen ambas as tres en común tras catro décadas longas de autonomía? Pois que todas, con maior ou menor fortuna, buscaron e crearon modelos locais que fixeran fronte á ampla sensación cidadá de que ningunha recibía o trato que merece por parte do autogoberno galego, nin sequera vense integradas no seu imaxinario, a pesar de que resulta imposible entender Galicia sen elas. 


Eses sistemas locais dos que lles falo son ben coñecidos no caso coruñés -Francisco Vázquez- ou no vigués, a cargo de Abel Caballero. Agora, con triple de cuñadismo, únese Ourense. Leva xa cinco anos na alcaldía o tal Gonzalo Pérez Jácome, de Democracia Ourensana, unha especie de trumpismo de cercanía que só se entende mediante o apoio do PP e que, ademais, dalgún xeito levanta o seu edificio persoal sobre o final da dinastía Baltar, o timing confírmao. 


Vén de anunciar Jácome que o seu partido irá ás eleccións autonómicas, que están ao caer. Afirma que só pactará con quen acepte a súa “axenda ourensana”. E ten serias posibilidades de entrar no Parlamento. Se nos afastamos do perralleiro da súa figura política e analizamos a cuestión desde abaixo atopamos unha constante: o rexeitamento nas urnas ao centralismo compostelán, que xa foi o contexto que avalou antes o éxito popular de Vázquez e Caballero, outros líderes controvertidos.  Ante isto, os galeguistas podemos levarnos as mans á cabeza, ou sexa, non entender nada. Ou podemos aplicar a intelixencia e recoñecer que a autonomía está asentada sobre un marco moi vello e que sospeita das súas principais cidades. Ese é o reto. Desde logo, Jácome non é solución ningunha para este país, ao contrario. Pero haberá que entender as causas do fenómeno que paira sobre esa necesidade das grandes urbes para ir á súa bóla. 


Así, toca defender unha Galicia progresista, que non desconfíe dos seus motores e aposte por un galeguismo, tamén cultural, propio do século XXI. Resulta moi sintomático que as principais novas do debate sobre o estado da autonomía estiveran fóra do hemiciclo, con Jácome e, sobre todo, o socialista Besteiro. Este último apunta a poder facer grandes cousas para darlle ao autogoberno o marco que necesita, onde todos esteamos, tamén as principais cidades. 

Ourense tamén deixa Galicia

Te puede interesar