Outono da civilización

Outono é metáfora da transitoriedade da vida e da preparación cara a ese futuro incerto que se aveciña duro e cruento; de tempo de cambio. Do mesmo xeito que os ciclos humanos, as árbores deron os seus froitos, as follas perden a súa cor verde ata volverse amareladas, marróns e mesmo avermelladas; despois sinxelamente caen ao chan e foxen perseguidas polo vento. Vén o inverno.
 

Velaí a conmemoración do cincuentenario da publicación do informe sobre os límites do crecemento que auspiciou o Club de Roma, nun documento que advertía que, de non frearse a tendencia ao crecemento exponencial da dimensión material da economía, quebraría a estabilidade dos ciclos naturais básicos, alcanzando o declive na extracción de minerais, produciríase unha importante perda da biodiversidade e de seres vivos e un descenso moi significativo da poboación humana. Daquela, soñar coa posibilidade dun crecemento que proporcionase benestar xeneralizado a todas e todos é unha falacia imposíbel porque son moitos os avisos que van sinalando os signos do desborde material. Reflexión ben acaída, á par que atinada, puntual e certeira expresada nun libro que co título de “O outono da civilización”, veu a súa publicación na pasa primavera. 
 

No devandito texto, os autores Turiel e Bordera, veñen a concluír que “o capitalismo saca tallada convertendo en escaso o que podía ser suficiente. A idea de escaseza construída politicamente oculta que esta ten máis que ver sobre todo coa inxustiza e a falta de mesura”. Nos tempo de comportamentos que van alén da limitación, moitas son as empresas, entidades e persoas que agardan acumular suculentos beneficios deste capitalismo do desastre e da escaseza. Así, a fata de acción política, cando non un contraataque ás boas practicas e xustas normas de protección medioambiental, en cuestión crave fan cada vez máis profundo o pozo no que se atopa sumida gran parte da humanidade e moitos do seres vivos. Por veces, aventamos un suicidio colectivo. 
 

Vexamos. Días atrás fíxose público un estudio científico rigoroso sobre os puntos climáticos de non retorno. Concluía que estamos máis preto do que se cría de pasar algúns deles, a partir dos cales elemento claves do clima da Terra entrarían nunha espiral de desequilibrio irreversible. Ademais, pasar un destes puntos sería prexudicial para o resto de subsistemas crave, provocando un efecto cascada que rompería o equilibrio do conxunto. O mesmo que lle ocorre ao corpo humano. 
 

Por iso, non hai parvada máis estúpida que iniciativas ao xeito do anunciado proxecto de celebrar os xogos olímpicos de inverno na faraónica estación de esquí que se prevé construír no deserto de Arabia Saudí. Obra de enxeñaría que, na emerxencia climática, é un crime contra a humanidade.

Outono da civilización

Te puede interesar