A piscina do Castrillón

Non sei cal é o meu barrio. En medio século tiven tempo para vivir nuns cantos, pero o verbo “ser” non se pode adxudicar así á lixeira. Nacer ou pacer? Parar ou traballar? Onde está o bar dos colegas ou nese ao que practicamenter só vas durmir? Por suposto, estou falando da Coruña. 
 

Ondo debo conxugar o verbo “ser”? Por cultura e vivencia xuvenil son de Monte Alto; por anos de residencia, de Riazor; e por experiencias fugaces pero intensas, de Elviña ou Santa Margarita. Como corresponde, a miña coruñesía barrial fíxome rexeitar calquera extravagante desprazamento metropolitano (para exteriores teño os mellores: os da miña Fisterra orixinal) e aquel tempo en Compostela non foi máis que unha dura proba para estudar os usos e costumes do adversario.
 

Pero por actualidade, polos moitos anos, polos cariños e porque xa me sinto mellor entre xubilados da Mercante que entre culturetas que non saben nada por si mesmos, pois recoñezo que son agora do Castrillón. Alí onde desde hai case 35 anos ten unha praza na súa honra o Pablo Iglesias ferrolán que fundou o socialismo por aquí (non confundir co presente líder dunha secta en Galapagar) e onde hai unhas semanas abriu un centro deportivo público, con piscina. Talvez, sen as ideas dun (e outros tantos) agora non existiría o outro, e as piletas -mesmo as praias- serían aínda exclusivas para os ricos.
 

O meu actual barrio é outro desde hai mes e medio. Quero dicir, o meu barrio é o mesmo pero distinto. Mellor. Cheguei aquí hai 15 anos, desde a ventá do piso podía ver unha finca baleira, da que xa se dicía que ía ser para instalar un centro deportivo, público, con piscina. Comezaron as xestións. Cambiou o goberno. O novo (2011-2015) cedeu a construción do edificio, vaia, a unha empresa privada. Que cumpriu. Alí estaba, aínda baleiro, cando saín de casa o 24 de maio de 2015. Nesa data andaba xusto de forzas, pero ilusionado. Viña de tres meses de traballo comunicativo nunha campaña electoral espectacular que saíu ben. Gañamos. Emoción colectiva. A Marea Atlántica de 2015, lembran? Pois nin no peor dos meus pesadelos pensei que aquel momentazo sería xusto o que paralizaría o desexo do meu barrio, tamén o meu. 
 

Catro anos perdidos, dos que só pasei dous traballando con aquela xente que prefería escoitarse a si mesma falando de “modelo de xestión” que poñerlle ao barrio a piscina que arelaba. Obviamente, como os veciños non son parvos, eses amigos do parladoiro sen feitos foron duramente rexeitados nas urnas. O novo goberno, o da alcaldesa Inés Rey, si cumpriu e desatascou quince anos de espera. O Castrillón ten xa o seu centro deportivo. 
 

E todo o día vexo pasar pola zona persoas felices en mallas, e todo parece máis animado, e detéctase aínda máis vida e movemento. E ata eu me apuntei a facer exercicio, sen pasarse. E creo que, desta, non cambio máis de barrio. Aquí está é o meu.

A piscina do Castrillón

Te puede interesar