Profecías de aninovo

Para o dicionario da nosa lingua, o galego, o substantivo feminino profecía só ten dúas significacións. Na primeira, indica aquilo que predí un profeta. No senso figurado, aquilo que unha persoa anuncia que vai ocorrer. Para os académicos da RAG, a palabra non dá máis de si. Ollando para o vocabulario portugués, tampouco afondan moito máis: Predición do futuro; vaticinio, oráculo; e na forma figurada, presaxio e conxectura. Niso, o do español, RAE, é máis abondoso, incluíndo seis diferentes acepcións. Dende don sobrenatural para pronunciar oráculos en nome e por inspiración de Deus; pasando por predición feita en virtude de don sobrenatural ata indicar o xuízo ou conxectura que se forma de algo polos sinais que se observan niso. 
 

Obviamente, non esquece a referencia aos libros canónicos do Antigo Testamento en que se conteñen os escritos dos doce profetas, maiores ou menores; con énfase nas profecías de Isaías, Xeremías, Ezequiel e Daniel. 
 

Certo e verdade é que, alén do mundo católico, no ámbito da comunicación xornalística a expresión profecía vai por camiño distinto, moi afastado da historia evanxélica. Aquí e agora, andamos polas corredoiras das adiviñanzas e das lendas urbanas. E niso, o referente todoterreo é o mítico libriño do señor Michael de Notre-Dáme, Nostradamus na versión popular divulgada, no que baixo o título “Les Profhéties”, aparecido en 1555; e dicir, medio milenio atrás que son moitos anos abofé, con preto de mil “cuartetas” dunha maneira de linguaxe que hoxe consideraríamos poesía negra, na que moita xente ve o vaticíneo da humanidade ata o ano 3797, na que o autor fixa a fin do mundo; ou que canso de escribir ata esa data chegou, e xa para descansar marcou un apaga e vámonos.  De ser un auténtico e infalíbel profeta na súa previsión futura, certamente aínda poderíamos estar ben tranquilos polo tempo que falta ata que todo acabe. Así e todo a deriva planetaria vai por mal camiño.
 

E nisto, faltos de noticias de calado, certos medios aproveitan o río revolto da vella literatura e, para este aninovo que está petando á porta, poñen na profética de Nostradamus un decálogo de catástrofes: O comezo dunha era de violencia global; unha gran catástrofe natural que afectará a todo o mundo; a aparición dun terceiro mundo no horizonte; a chegada dunha raza estelar que destruirá todo; a supresión da humanidade por parte dun virus pandémico; e, o máis probábel de todos, a mudanza climática letal. Cousas que poden ser ou non. Quen sabe. Sexa un feliz aninovo.

Profecías de aninovo

Te puede interesar