Puntada sen fío

Sabemos que puntada é cada unha das pasadas que se dan coa agulla ou con outro instrumento semellante cando se cose. Mais tamén, esa dor intensa que se sente nun lugar do abdome ou do tórax. Velaí dúas referencias tomadas no dicionario da nosa lingua para situar unha metáfora que apunta ao fondo da manobra que se está a producir no ámbito da opinión pública, máis ben na da publicada que é cousa ben diferente, no que atinxe á urxencia de acometer unha outra reforma no sistema de pensións, comprometida no marco dos acordos imperativos coa Comisión europea.
 

Daquela, non dar puntada sen fío ou o seu sinónimo, non dar puntada sen nó, e dicir non facer nada sen asegurarse de que se vai obter un resultado ou sen que vaia dirixido a ese resultado, é parte da operación que, na ollada aparente, non está a verse nunha situación, a proposta inicial do ministro responsábel, que está viaxando por un camiño sen saída polo enfrontamento co resto do mundo; e dicir coas outra parte chamada a subscribir un acordo, sexa a patronal empresarial, os sindicados habituais nesta claudicación e, pola tramitación da norma lega no ámbito parlamentario, os grupos políticos que se presten a súa aprobación, co modo da xeometría de combinacións, e mesmo de erros na pulsación do botón de voto, que deron pé a outras reformas anteriores.
 

Porén, a proposta dada a coñecer polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, co foco posto sobre a base reguladora da pensión calculando 30 anos de cotización, malia permitir refugar as 24 peores mensualidades, dito doutro xeito dando opción a escoller os 28 mellores anos, nun proceso que iniciaría a súa andaina dentro de dous anos e sería aplicado de xeito gradual no tempo, de forma similar á maneira que estamos a vivir coa alongamento da idade de xubilación, cun resultado aparentemente neutro no sistema económico de reparto solidario do actual modelo, pode ser, facendo uso doutra metáfora, non máis que un globo sonda; ese globo pequeno sen tripulación, que se fai ascender con instrumentos apropiados para a observación meteorolóxica. 
 

Préstese atención á mensaxe da OCDE concluíndo que non poden adiarse reformas que melloren a sustentabilidade das pensións con fondos de capitalización de competencia mercantil para complementar os sistemas de reparto públicos. Tamén a “mochila austríaca”. Salvar ao ministro.

Puntada sen fío

Te puede interesar