Apregunta do titular ten truco. A resposta é sinxela: si, quedan. Son visibles, algúns fan cousas notables no ámbito da divulgación histórica. Outros escriben cousas de eruditos, case decimonónicas, porque se cadra esa resulta a única forma de que outros ocupen o seu necesario lugar nalgún momento. Pero a cuestión ten máis reviravoltas.
Refírome ao intelectual -galeguista, neste caso- na liña máis estandarizada, como a que define David Jiménez Torres (o fillo conservador pero non escuadrista de Jiménez Losantos) en ‘La palabra ambigua’: “Individuo que posúe algún tipo de autoridade cultural que utiliza a súa posición para dirixirse a un público máis amplo que o da súa especialidade”. Isto último todos o relacionamos co “compromiso”, coa política, case sempre no mesmo sentido. Esa é a gran pregunta que non cabía no titular: quedan intelectuais galeguistas de esquerdas? En caso afirmativo, teñen estes algún peso real na Galicia de 2023?
Na miña opinión -que é o que veño dar aquí sen ser eu intelectual ni nada de eso- a existencia dese tipo de figuras depende de dúas condicións. Unha é a de ser vangarda, ou sexa, ser capaz de xerar ideas novas adaptadas ao tempo que vivimos, sen repetirse unha e outra vez. A outra é a de que as súas propostas teñan a suficiente influencia para propoñer debates e enfoques que cheguen ao corpo social do país, que superen a burbulla para crecer fóra dela e, por suposto, dalgún xeito lideren novos tempos. Mirado desde ese ángulo, eu coido que apenas quedan intelectuais galeguistas de esquerdas.
Non vai ir isto de nomes. Nin en positivo -podería falar daqueles que si, por exemplo facendo fincapé na aposta progresista pola Galicia urbana- nin en negativo, que esta columna non trata tanto sobre persoas como dun sector moi concreto con tendencia á fosilización. Ou á comodidade.
Non hai. Aquí dispoñemos de guías ideolóxicos de partido, con columna semanal. Moitos, auténticos emisores de fatwas. Tamén está certa xeración nova que fala das súas relativas incomodidades vitais como se estiveran domiciliados en Dachau. A maiores temos o modelo, en crise agora tras ocupar grandes sillóns, dos que se cren talentosos heroes por lanzar perogrulladas tipo “rexeito o maltrato infantil”, o mesmo que opina calquera bisavóa sen case lecturas, que ademais cóntao con moita máis graza e humildade.
Por último, o máis habitual. Aquel que entrou en liza hai 40 anos e nunca evolucionou, que prima a súa marca persoal por riba do concreto. Símbolo. Éo, pero da derrota da esquerda, á que -por certo- sempre puxo caer dun burro cando gobernou, por moi ben que o fixera. Son Os Inoperantes (seguen aínda combatindo a Fraga e agora, ademais, veñen con tendencia putinista).
Tamén hai rapazada que merece exercer de moderna e real intelectualidade galeguista, pero están taponados. Poden encontralos nas redes sociais.