Rapaza de Muros en María Pita

Pasou onte mesmo. Nun deses momentos aos que non se lle dá demasiada importancia pero contan sobre nós moito máis que boa parte da liturxia intelectual repetitiva. Porque este venres por primeira vez, que eu saiba, alguén falou con gheada e seseo nun acto oficial en María Pita. Que o fixo foi unha rapaza de Muros, a mariñeira e tikoker María Maceiras, durante a presentación do Festival Mar de Mares. En zona nobre do Pazo e ante a satisfacción pouco agochada da alcaldesa e das moitas persoas alí presentes. Cousa bonita.


Entre unhas cuestións e outras eu xa levo uns anos parando polo Palacio Municipal, e nunca vira tal. De feito, nin pensara nesa posibilidade. Por iso, a este coruñesazo de orixe fisterrá se lle puxeron crespos os pelos do antebrazo. O Salón Real soaba igual que os bares polos que vou tomar viños cando ando pola Costa da Morte (que eu creo que vai da Coruña a Muros, hai debate aí pero teño eu razón). En todo caso, que marabilla. Por ela e pola aceptación unánime de que iso ocorrera. Un feito que racha, unha vez máis, moitos tópicos anti-coruñeses, esa triste lacra reaccionaria que persegue á cidade berce do galeguismo progresista, pero que de novo atopou resposta natural, que para nada chocou cun espazo presumiblemente solenme.


Nin sabía antes nin sei moito agora sobre María Maceiras, dado que non uso tiktok. Pero coñezo o perfil, de sobra. Xente pesca, da Costa da que vimos tantos e tantos coruñeses, que defende o seu desde a mirada deste tempo. E que non ten problema en facelo no seu idioma, mellor dito, no seu dialecto local. E non, digan o que digan os cenizos que pensan que defender o galego é proclamar a súa extinción, isto vai de todo o contrario. Ninguén o tomou como unha extravagancia. Aceptouse con orgullo xeral. Eu estaba alí.


Hai 25 anos, unha serie da TVG -Mareas Vivas- empezou extender como é a vida en moitos lugares de Galicia: en determinadas zonas fálase con gheada e seseo. Pareceulles mal aos elitistas, case todos supostos patriotas, dunha patria ou outra. Sempre teñen problemas coa xente normal. Onte en María Pita perderon outra batalla.


Pero non só pasou iso esta semana respecto ao galego na Coruña. O xoves celebrouse o primeiro Pleno ordinario do novo mandato municipal. Como no anterior, Inés Rey presidiuno en galego, a lingua que utilizaron 15 dos 20 concelleiros que interviron. Nada que reprochar aos que non o fixeron, que isto non é a Xestapo. Pero vese un convencemento común ben chulo, do que participaron representantes de PSOE, BNG e PP. Querer o galego é transversal. Polo menos en María Pita. Que así siga sendo.


E por se iso non bastaba, tamén ocorreu algo onte na rolda de prensa do adestrador do Dépor, Imanol Idiákez, que cando un xornalista se lle achegou a dicir que el preguntará en galego, respondeu: “Mejor, así aprendo”. Sen pedir pinganillo. Como nos presta na Coruña.

 

Rapaza de Muros en María Pita

Te puede interesar