Ruído estatístico

Ruído é ese son confuso, irregular e forte; e, tamén algo sonoro e molesto que non se identifica coa música nin coa voz humana ou a dun animal dotado desa capacidade expresiva. E dicir, unha definición útil de ruído sería falar de todo son perigoso, molesto, inútil ou desagradable, entendéndose como son ese fenómeno físico que provoca as sensacións propias do sentido humano da audición. Loxicamente son definicións subxectiva que precisan de cuantificación física. 
 

Partindo desta alegoría, o ruído, definiuse unha categoría matemática que se coñece por ruído estatístico; unha irregularidade aleatoria que atopamos en calquera dato da vida real, ou da inducida por estratexia máis ou menos amañada. Fenómeno estatístico que carece de patrón. Na cuantificación do ruído estatístico, estamos diante de erros, de medición e de mostraxe; causa da alteración entre valores observados e valores previstos, un feito que se coñece por residuo. Recoñecer e cuantificar a cantidade de ruído estatístico nun conxunto de datos é un paso importante que nos permitirá ver se os cambios de datos son significativos ou simplemente unha parte estática.
 

Velaí, segundo os datos oficiais do Servizo Público de Emprego Estatal, SEPE, en novembro o desemprego descendeu e creáronse postos de traballo netos, desafiando á situación que pola lóxica das teorías económica supón a galopante inflación derivada da situación global que anuncia estar entrando en recesión nas economías europeas. Algo non cadra nun razoamento de sentido común. Polo tanto, alén da propaganda oficial que tira para a casa nun aproveitamento político que non vai parello á realidade, toca ollar para a cerne da causa matemática que produce esta distorsión: A forma de computo dos contratos de traballo catalogados como fixos descontinuos. A pedra filosofal.
 

Nos datos estatístico fornecidos polo SEPE, dos que presume o goberno, non se contabilizan como parados aos fixos descontinuos durante o tempo en que permanecen inactivos. E dicir, non teñen traballo pero están agardando, coa prestación á que teñen dereito, a un hipotético novo período de actividade nunha empresa á que continúan vinculados, cousa que pode producirse ou non; especialmente en tempos que aventuran crise, peche de negocios e diminución de oportunidade de volta ao traballo; moito máis no estacional. Por iso non é de estañar que se produza unha diferenza tan avultada cos datos amosados no universal sistema de información laboral de emprego que representa a Enquisa de Poboación Activa, coa metodoloxía Eurostat, fronte á capacidade de decisión do goberno no deseño do xeito de calcular o paro, baseado no sistema de información do SEPE. Un xeito de publicidade a favor do seu interese político, absoluto fraude na información real.

Ruído estatístico

Te puede interesar