Que sexa para ben

Xa todo é diferente do que a xuventude doutra época soñaba. Non hai xente vivindo nos pobos pequenos nin nas cidades monumentais, artísticas e históricas. Ninguén quere saber nada da historia, de onte nin de antonte. Poucos, moi poucos son aqueles que recordan outros tempos, poucos saben como se guisaban os xurelos e moi poucos viron poñer ás galiñas. Todo é diferente do que foi, menos a morte que segue igual de tristeira, lutuosa, vestida de negro e para sempre.

Non hai carpinteiros, nin ferreiros, nin fontaneiros que arranxen a billa. Non hai traballadores da construción, nin mecánicos, nin taberneiros, nin camareiros, nin onde traballar. Non hai soldadores, nin quen saiba soldar. Non quedan ferreiros, nin mariñeiros, nin costureiras, nin xente que aprenda a laborear. Estamos nun período silandeiro, no que poucos poden falar e case ninguén é quen de cantar. E, moi poucos lembran aquelas cantigas de taberna que gustaban e animaban á xente toda, sen ser traballo para os cantores.

Que pasa? E, que pasará cando se acaben os traballadores e os oficios que quedan? Onde está ese relevo xeracional que non se ve nin en pintura? Onde estará? Todo se acaba e sempre hai algo para comezar, para crear e para facer. Paseniño e moi engorde, moito se pode aprender neste mundo que non se para, que segue o camiño marcado e no que, como dicía Marx, calquera traballador ten “máis necesidade de respecto que de pan”.

Agora andan os políticos e os programadores, educativos ou formativos, coa FP. Parece que pode ser unha extraordinaria vía para a inserción laboral da mocidade. Así, pois, a formación, a práctica, o coñecemento e o respecto aos valores e á sociedade poden ser alicerces para empuxar o cambio conveniente ou necesario.

Os oficiais queren ensinar o oficio aos novos. -E os novos, que queren? -Queren saber o principal: A que hora empezamos a xornada e a que hora a rematamos? Canto se gana e como é o asunto das vacacións? -A resposta a cada unha desas preguntas é clara: depende! -De que?. -Depende de ti, colega. Todo depende de ti e da túa capacidade de asimilación. -Mestre, vostede moi ben fala. É político?

Alguén dixo que o traballo era o refuxio daqueles que non tiñan nada que facer. Será certo? O certo é que en durmir e traballar invértense a maior parte das horas do día. Como día a Tía Manuela, “que sexa para ben”.


Que sexa para ben

Te puede interesar